Os candidatos do PP ao Congreso e ao Senado por Lugo, José Manuel Barreiro e Jaime de Olano adiantaron esta mañá unha campaña electoral “intensa” de cara ás xerais, na que farán, dixeron, moita “pedagoxía” para trasladar aos lucenses que “o PP é un valor seguro” e na que instarán aos votantes de centro-dereita a non dividir o voto entre as tres formacións maioritarias desta ideoloxía: PP, VOX e Cidadáns, para non ceder o paso, de novo, a un goberno dirixido por Pedro Sánchez.
Neste senso, Jaime de Olano asegurou que manter ao PSOE na Moncloa suporá “desconcerto” e “inestabilidade” para todo o país. O candidato ao Congreso lembrou que, para contar cun deputado por Lugo, un grupo debe obter máis do 25% dos votos, polo que resaltou que “non hai ningunha soa encuesta e ninguén cre que VOX ou Cidadáns, poidan chegar a ese 25%”, algo que lle restaría votos, á “opción maioritaria de centro-dereita” que é o PP.
Olano asegurou que “ningunha das dúas opcións son positivas para Lugo” primeiro porque, dixo, “votar a Cs é sempre unha incógnita”, poñendo de relevo o pacto asinado por Rivera e Sánchez, en febreiro de 2016 despois de que o número un da agrupación laranxa afirmase que “non apoiaría a aquela lista que non fora a máis votada”. No caso de VOX, Olano amosou a súa sorpresa por que o candidato, Juan María Abascal, “viva a 600 quilómetros de Lugo, o que fará difícil que poida coñecer as necesidades e a realidade do día a día da provincia”.
Por outra banda, o candidato ao senado, José Manuel Barreiro, expuxo as catro características que definen o espectro político actual: a crise territorial e institucional do Estado; a ralentización da economía; a “incerteza” que supón para a cidadanía que, nalgúns lugares, haxa ata catro citas electorais en menos dun mes; e un mapa político “insólito e novidoso”. Catro realidades estatais, que o Partido Popular intentará enfrontar cunha campaña baseada, no que chamaron, as tres Ps: Propostas, en positivo e con presenza.
Neste senso, levarán a cabo numerosos encontros cos principais axentes sociais e económicos da provincia porque defenden que os veciños “deben saber cal é a realidade actual” e “que lles pode pasar se continúan os socialistas na Moncloa”.
Barreiro reafirmou así que en Lugo “non lle debemos nada aos representantes do PSOE: nin á alcaldesa, nin ao presidente da Deputación e nin a Sánchez”; e trasladou unha pregunta tanto á cidadanía como aos socialistas: “que aportación fixeron a esta cidade e a esta provincia?”. “A alcaldesa meteu ao Concello nun marasmo que nunca pasou. Salvo enterarse de onde está a Praza de España, pouco máis. O da Deputación xa é para nota. E Sánchez recortou o investimento na provincia”, insistiu o candidato ao Senado.
Barreiro tamén incidiu na “utilidade” que suporía para as forzas de dereita, o voto ao Partido Popular; e fíxoo, explicando que, nas últimas eleccións xerais, na provincia de Lugo, Cs sacou 13.200 votos, o 7%, sendo a cuarta forza política. Por tanto, “se lle sumásemos isto aos 47,5% que sacou o PP, estariamos por riba do 50%, o que evidencia a utilidade do voto. Estas forzas impediron que o PP estivese nunha maioría absoluta e sacar o terceiro deputado”.
“Todo aquel que non queira ter a política lesiva do sanchismo, debe concentrar o voto no PP”, concluíu Barreiro.