O Caso Carioca “vén de sufrir outro revés” coa sanción que lle impón o Consello Xeral do Poder Xudicial á xuíza Pilar de Lara, unha sanción que a podería apartar dos xulgados de Lugo. Esquerda Unida lamentou esta mañá ter, a día de hoxe, unha “xustiza patriarcal, machista e retrógada” que actúe “coa única intención de sacar do xulgado a Pilar de Lara, que loita por impor a perspectiva de xénero e perseguir seriamente os delitos de trata que afectan a mulleres e en situación de pobreza extrema”, sinalou a responsable da Área de Muller de Esquerda Unida, Raquel Bernárdez.
“É moi frustrante percibir constantemente os intentos da Fiscalía de Lugo por arquivar unha parte da Operación Carioca e ter un modo de actuar que obriga a abrir máis pezas, retrasar todo este proceso e exculpar a varias decenas de imputados baixo pretextos de corte machista”, sinala Bernárdez, aínda que afirma que o peor é “a inacción por parte do Concello de Lugo e a Xunta de Galicia, que deciden non presentarse como acusación particular, unha medida que axudaría ás vítimas de trata”, denuncia a responsable da Área de Muller de Esquerda Unida.
Por todo isto, Esquerda Unida insta á Xunta e ao Concello de Lugo a exercer de acusación popular na peza principal do Carioca xa que, de non facelo, estaría “dando a entender que as mulleres inmigrantes en situación irregular e vítimas de extrema violencia de xénero non merecen a mesma protección social que o resto”, apunta Bernárdez.
Dende Esquerda Unida reiteran así que a explotación sexual é unha forma extrema de violencia de xénero e que pon de manifesto como a xustiza non protexe os dereitos das mulleres, e “máxime os daquelas que se atopan en situación de extrema vulnerabilidade”.
En apoio ao traballo da xuíza e contra as desproporcionadas medidas disciplinarias adoptadas contra ela e contra a xustiza machista, Esquerda Unida súmase e chama a participar na concentración convocada pola Plataforma contra a Impunidade do Caso Carioca para o vindeiro mércores 3 de abril ás 20 horas diante dos Xulgados de Lugo.