A provincia de Lugo suma ao seu calendario tres novas festas de interese turístico de Galicia, que verán reforzado o apoio económico da Xunta e obterán ata 7.500 euros para seguir impulsando estas citar. As novas distincións recoñecen á Semana Santa de Lugo, a Festa da Romaxe das Cruces, en Ribadeo, e a Feira do Poldro e Gando do Monte de Muras.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, valorou hoxe estes recoñecementos xunto con responsables da organización dos eventos: O alcalde de Muras, Manuel Requeijo; Ramón Basanta, coordinador xeral da Xunta de Confrarías da Semana Santa de Lugo, e Daniel Vega, en representación da Romaxe das Cruces.
Balseiro reiterou o compromiso da Xunta para impulsar estas celebracións que “engrandecen as xa de por si ricas manifestacións da cultura e tradicións populares de Galicia”, e gabou “os esforzos públicos e privados” que conflúen nestas citas.
Lembrou que en Lugo hai xa 35 festas de interese turístico, dúas das cales suman o recoñecemento de interese turístico nacional (o San Froilán e o Arde Lucus, ambas na capital) e unha o internacional (a Semana Santa de Viveiro). A partir deste ano, a Xunta duplica a contía de 3.000 euros que concedía para colaborar cos custos de organización. Como viña sendo habitual, a esta axuda directa de 6.000 euros sumaranse 1.500 euros grazas a un convenio da Consellería de Cultura e Turismo coa entidade financeira Abanca.
Desamparo ante os ataques de lobo
Nesta mesma rolda de prensa, o Alcalde de Muras, Manuel Requeijo, aproveitou para demandar o apoio do goberno da Xunta en relación ao desamparo ao que están sometidas as gandeirías da zona en canto aos numerosos ataques de lobo. Requeijo, tamén se referiu á falta de medidas eficaces para loitar contra o despoboamento no rural e sinalou “que a Feira do Poldro nomeada de Interese Turístico Galego será imposible se non hai animais para celebrala”.