A Delegación Territorial da Xunta acolleu esta mañá a presentación en Lugo da Caravana do Amandi, unha viñoteca e oficina de turismo ambulante coa que o Concello de Sober promociona a XXXIX Feira do Viño de Amandi que se vai celebrar na localidade os días 13 e 14 de abril.
No acto participaron o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro; o alcalde de Sober, Luís Fernández Guitián; o deputado provincial, Pablo Rivera e o concelleiro de Lugo, Daniel Piñeiro.
A caravana percorrerá diversas localidades galegas -especialmente vilas medianas ou cidades grandes- para difundir a feira, declarada de interese turístico galego. En cada lugar, se o tempo o permite, instalará mesas e cadeiras no exterior nas que poder degustar estes viños da denominación de orixe Ribeira Sacra.