Lugonovo presentou esta noite publicamente a candidatura electoral integrada por 25 veciños de Lugo “dispostos a recuperar o goberno” para a xente. Fíxoo no Mercado Municipal, para deixar claro o compromiso da candidatura “co comercio local e cos espazos comúns da cidadanía”.
Acompañados pola música de Berta Franklin, arredor de 200 persoas asistiron a unha presentación que contou coas intervencións de Xosé Chorén Vázquez, Cristina Pérez Herraiz e Paula González Fernández, as tres persoas que integran os primeiros postos da lista.
Xosé Chorén, alcaldable de Lugonovo, agradeceu a confianza depositada e o paso adiante dado por todas as persoas que o acompañan na lista electoral, unha “tarefa compartida e necesaria para recuperar a cidade que botamos en falta” sinalou. Segundo Chorén, “para que as políticas sociais funcione, para que os servizos e o benestar estean garantidos, ten que haber unha actividade económica dinámica que permita financialos comodamente, e ten que haber un Concello que os regule e xestione ben”. Un “compromiso firme coa xestión” que o candidato asegurou que está presente na lista de 25 veciños, de toda a cidade e de perfís moi variados.
Cristina Pérez defendeu o labor municipal de Lugonovo durante estes anos, “cun auténtico record de iniciativas aprobadas” que demostran que onde está Lugonovo está “o sentidiño”. A portavoz municipal destacou a impronta da organización en moitas das medidas progresistas que se implementaron nestes anos na cidade, pero tamén naquelas que a desidia municipal deixou sen implementar, aínda que fosen aprobadas en pleno. Unha situación que demostra que, ademais de vontade de cambiar as cousas, fai falta vontade de xestión diaria.
Pola súa banda, Paula Gónzalez defendeu o interese de Lugonovo por dar voz ás demandas sociais de grupos tan politizados “máis alá de siglas e partidos” como a mocidade, arredor de cuestións básicas como “os dereitos das mulleres ou o coidado do medio ambiente”, puntos de encontro en calquera axenda de demandas progresistas. Neste sentido, González aplaudiu a maneira de actuar de Lugonovo, “unha organización que comprende a mocidade e que non a trata como un colectivo co que encher cuotas” senón que “reclama e atende á súa opinión”. “Por iso en Lugonovo a mocidade luguesa ten unha ferramenta valiosa e honesta para mellorar a nosa cidade e as nosas vidas” concluiu.