A provincia de Lugo contará con dez obradoiros da Xunta que darán emprego a máis de 200 persoas

A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, anunciou hoxe que a provincia de Lugo contará con dez obradoiros de emprego, no que estarán implicados 26 concellos.

A Consellería de Traballo e Benestar dedicará a esta iniciativa preto dun millón oitocentos mil euros, que proporcionarán emprego a 200 persoas desempregadas maiores de 25 anos, ás que hai que sumar o persoal de dirección, administración e monitores responsables de impartir a formación.

Os obradoiros terán unha duración de seis meses, durante os cales os alumnos traballadores perciben un salario e adquirirán unha formación teórica e práctica orientada ás demandas reais do mercado laboral. A data límite para o inicio dos obradoiros será, con carácter xeral, o 30 de setembro de 2015.

“Esta filosofía de aprender traballando permite ademais que os obradoiros realicen obras e servizos de interese para os concellos que os albergan e, algo moi importante, fomenta a colaboración institucional entre a Xunta de Galicia e as entidades locais responsables de promover estas iniciativas”, segundo salientou a delegada territorial.

Tamén subliñou Raquel Arias que “os participantes nos obradoiros acadan unha taxa de inserción laboral importante, dado que están enfocados a profesións que presentan unha notable demanda no mercado de traballo”. Ademais, engadiu, “o tipo de formación, eminentemente práctica, facilita a opción do autoemprego”.

A Consellería de Traballo e Benestar destina en toda Galicia 10,2 millóns de euros á posta en marcha destes obradoiros. A inversión ten carácter bianual, destinándose 7,7 millóns para 2015 e 2,5 millóns para 2016.

Nos vindeiros días procederase tamén á avaliación das propostas presentadas para a posta en marcha de obradoiros dirixidos a persoas menores de 25 anos, denominados YEI e que supoñen unha novidade na convocatoria deste ano. Esta iniciativa está incluída dentro do novo programa de Garantía Xuvenil e contará cun orzamento de 4,7 millóns de euros.

O que quere dicir que, en conxunto, a Xunta de Galicia investirá preto de 15 millóns de euros ao desenvolvemento de máis de 70 obradoiros nos que se formarán 2.000 traballadores.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com