Vilalba Aberta vén de anunciar a primeira das medidas que darán forma ao seu Programa Electoral de cara ás vindeiras Eleccións Municipais de maio.
Contextualizada no que se podería definir coma o seu Programa Económico, isto é: na parte relativa ao desenvolvemento económico e industrial, emprego e emprendemento; o Plan Municipal para o Retorno da Mocidade é unha iniciativa pioneira na contorna, dirixida a facilitar o regreso da mocidade vilalbesa que reside ou traballa no exterior.
Mozas e mozos que, tal e como apuntan dende a formación, “tiveron que marchar en busca de oportunidades laborais e que, nos máis dos casos, están a desenvolver unha importante traxectoria laboral noutros Concellos, xerando un capital humano altamente valioso.”
Neste senso, e entendendo que captar este capital humano resulta fundamental para o desenvolvemento económico e social do Concello de Vilalba, para a rexeneración do seu tecido empresarial e para a atracción de novas oportunidades de negocio e emprego de calidade; as actuacións que lle darían forma pasarían por convocar unha liña de axudas para o retorno da mocidade que estaría dotada cun orzamento de 127.840 euros. Dende Vilalba Aberta establécese xa unha detallada memoria económica, pois no propio Programa Electoral delimítase que o 50% do seu financiamento, sairá do que se aforrarán as arcas municipais, en base á limitación salarial imposta ao seu Candidato á Alcaldía, Modesto Renda, e que suporá un aforro de 15.980€ por cada ano de lexislatura.
A agrupación asamblearia propón, neste senso, tres liñas de axudas diferenciadas. A primeira estaría destinada a apoiar economicamente ás empresas con centro de traballo no Concello que contraten, a xornada completa e por un mínimo de dous anos, aos mozos e mozas retornados para o desenvolvemento dun novo proxecto ou a ampliación dun xa existente no ámbito da innovación, o financiamento, a internacionalización, as industrias culturais e creativas ou a economía circular.
A segunda liña fomentaría a posta en marcha de proxectos empresariais promovidos polos propios retornados, que acheguen un valor engadido ao tecido empresarial vilalbés e ao desenvolvemento económico e social de vila e parroquias.
A terceira liña, condicionada á concesión da primeira ou segunda liña, estaría enfocada a minimizar os gastos asociados ao retorno: desprazamento, mudanza, aloxamento, entre outros…
Outras accións que propón a agrupación son a posta en marcha dunha plataforma web que facilite a comunicación entre a mocidade que quere retornar, as empresas vilalbesas e o Concello. Unha páxina na que, segundo Vilalba Aberta, se poderían consultar as distintas ofertas de emprego das empresas para facilitar a reinserción laboral.
Por último, a formación, propón tamén crear un selo de Empresa Colaboradora con este plan, que dea visibilidade ás entidades que colaboran coa iniciativa. “A posibilidade dun recoñecemento futuro ao papel esencial que xogará o noso tecido empresarial no desenvolvemento efectivo do plan, requirirá do futuro Goberno Municipal que aspiramos encabezar, ofrecerlle a lóxica visibilidade, a través dun selo de colaboradora, ás empresas vilalbesas que cooperen coa iniciativa, contratando a mozos/as cualificados que queiran volver a Vilalba”, explicaba na mañá de hoxe o candidato á Alcaldía da formación, Modesto Renda.