O Alcalde de Láncara, Darío Piñeiro López, denunciou esta mañá que “o único que fai polo municipio o voceiro do PP é poñer trabas para que os proxectos do Concello non saian adiante”. Neste eido, o rexedor socialista explicou que “todas as actuacións que poñemos en marcha dende o Goberno Municipal son denunciadas sempre polo señor Cubillas coa finalidade de retrasar as obras, prexudicando cos seus actos aos veciños de Láncara”.
“En cambio, dende o Concello de Láncara traballamos dende o primeiro día para desenvolver iniciativas que melloren a calidade de vida dos lancareses e non por decisións electoralistas. Hai que aclararlle ao voceiro popular que se comezaron hai 15 días as obras para a construción da ponte de Santa María de Lama foi porque tivemos que agardar máis de 1 ano polo permiso para poder actuar, non para sacar rédito político. Iso sería o que faría el se estivese de Alcalde porque forma parte do ADN do PP, facer actuacións antes das eleccións ou grandes promesas que logo se quedan en nada. En cambio, para os socialistas a prioridade son as persoas e o levamos demostrado con feitos durante este mandato”, subliñou o Alcalde.
Darío Piñeiro lamentou que “o PP e o seu candidato estean instalados permanentemente na mentira e no intento de enganar aos veciños de Láncara. O proxecto para a reparación da pasarela da praia fluvial ten un prezo de licitación de 27.000 euros e non os 40.000 que afirma Cubillas. Ademais, con dito orzamento, que previsiblemente baixará no proceso de adxudicación, renovaremos o alumeado público da pasarela. Unha vez máis, o voceiro popular demostra un total descoñecemento das iniciativas que se desenvolven no Concello”.
Sobre as críticas do voceiro do PP afirmando que as melloras executadas polo Concello en varías vías municipais non incluían a limpeza de cunetas, o Alcalde subliñou que “estiveron máis de 2 meses traballando os operarios da Deputación para acondicionar todas as cunetas. Ademais, dende o Goberno Municipal compramos un camión e unha pala para ditos traballos, entre outros moitos, pois durante 40 anos o PP non fixo nada”.
O Alcalde de Láncara destacou que “grazas aos socialistas o Concello de Láncara conta cun completo parque móbil. Cando chegamos ao goberno nos atopamos con que o Concello non tiña nada, nin unha máquina para poder facer reparacións ou melloras no municipio. En só 3 anos dotamos ao Concello dun camión de rego, un pisón, un tractor, un remolque, 2 desbrozadoras e unha pala mixta. E o fixemos porque somos conscientes da importancia de manter en boas condicións as infraestruturas para aforrar custes económicos aos veciños”.