A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, criticou esta mañá as denuncias feitas onte polo delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, nas que o representante do goberno autonómico lamentaba que o goberno local estivera a “paralizar inversións da Xunta por valor superior aos 22 millóns de euros”. Asemade, Balseiro facía entender que se trataba dunha parálises ligada á época electoral “ao goberno non lle interesa que arranquen obras moi importantes”.
Segundo a rexedora lucense, estas declaracións non son máis que o intento de “torpedear” da Xunta de Galicia e advertiulle ao delegado que “hai que intentar sumar, poñer solucións enriba da mesa”. Asemade, asegurou que a veciñanza de Lugo “estamos cansados do ninguneo e do desprezo da Xunta” que, segundo Lara Méndez, “pretende agora un lavado de cara de case dez anos de goberno de Feijóo”.
A alcaldesa denunciou un “craro abandono por parte da Xunta” á cidade, nos últimos anos pero asegurou que para o Concello de Lugo sempre serán “benvidos” os proxectos que melloren a cidade, aos que o goberno autonómico sempre intenta “enturbiar, contaminar e buscar confrontación”. Así o describía poñendo de exemplo o plan de emprego presentado onte polo delegado territorial, “a Xunta olvidouse do municipio de Lugo, que ten máis de 54 parroquias rurais que, nin están nin existen para o PP”.
Balseiro: “que deixen de poñer paus nas rodas”
Ante estas declaracións da rexedora volveu a sair ao paso José Manuel Balseiro quen pediu á rexedora “que deixe de poñer paus nas rodas aos proxectodas que a Xunta promove na cidade”.
Balseiro asegurou que o goberno autonómico “quere poñer en marcha as obras comprometidas coa cidade de Lugo e coa súa veciñanza” e pediu “que nos deixen facer”. Para o delegado, os responsables do goberno local son “os únicos que fan o ridículo negando á cidade obras por máis de 22 millóns de euros”.
Para o delegado, a situación de bloqueo é preocupante, pero o máis grave de todo é que “desde o Goberno local mintan”, e xustifiquen o retraso con datos que “son falsos”. Así acontece, por exemplo segundo o delegado, no caso do centro integral de saúde do barrio da Residencia, que xa ten informe favorable de Patrimonio comunicado ao Concello a semana pasada.
Balseiro lamenta que a alcaldesa asegure que a Xunta non inviste en Lugo cando a administración autonómica é quen sostén os principais servizos públicos da cidade: desde os hospitais e centros sanitarios aos colexios e institutos e a maioría das escolas infantís. Pero ademais, lidera os principais proxectos de inversión en Lugo, superando incluso o investimento municipal “o que contrasta coa ausencia de iniciativas e obras significativas por parte do Concello”.