O candidato ao Congreso dos Deputados de Cidadáns pola provincia de Lugo, José Manuel Blanco, orixinario do Courel, visitou hoxe o seu fogar natal, o Courel, para falar coas mulleres do rural, quen denuncia o abandono que sofren por parte do presidente da Xunta de Galicia.
José Manuel Blanco tamén aproveitou a visita para denunciar o desinterese de Feijóo con esta parte de Lugo: “o señor Feijóo nunca visitou á xente do Courel, só acudiu nunha ocasión a un acto en 10 anos, pero leva 9 sen pisar estas terras que son símbolo do rural galego”.
“O señor Feijóo, igual que o señor Olano, di que son os máximos defensores do rural, pero non fan nada para solucionar os problemas do rural: o despoboamento, as infraestruturas que se deterioran e non se reparan; a perdida da asistencia sanitaria; a falta de transporte e de traballo… os problemas dos veciños do Courel son numerosos, pero se non se visita aos seus veciños é imposible coñecelos”, apunta José Manuel Branco.
En 1999 a poboación de Folgoso do Courel era de máis de 1500 persoas, e na actualidade a penas chegan ás 1000.
Nieves Valín, habitante do Courel, criticou duramente as condicións do rural: “non temos un autobús que nos leve aos sitios, non temos un médico fixo, se queremos saír do Courel temos que pagar un taxi, e coa pensión non chega, así que ao final non podemos saír de casa. Antes viña xente de todo Lugo ao Courel, pero agora cada vez somos menos habitantes. No colexio apenas hai nenos. Cando eu era nova tiñamos moitos máis servizos que agora”, afirmou resignada.
Ante isto, Blanco declarou “esta é a Galicia, Galicia, Galicia do señor Feijóo”.