A AFNL denuncia o desleixo da Axencia Tributaria coa lingua galega

A Asociación de Funcionarios/as para a Normalización Lingüística (ANFL) denunciou o desinterese da Axencia Tributaria polo idioma galego. Esta declaración débese a que a opción en galego, na aplicación informática para presentar a declaración da renda, presenta varios erros ortográficos e gramaticais.

O uso do tradutor automático, segundo indican dende a AFNL, explica estas grallas e expresan o desinterese por parte do organismo estatal de repasar e reparar os erros. Asemade, a asociación explica que se a opción en castelán presentase un número igual de faltas gramaticais sería axiña corrixida e solicitadas as desculpas. Porén, indican, no caso galego non hai nin un intento de corrección.

A nula oferta de cursos de linguaxe administrativa en galego para os funcionarios/as do estado, o costume asentado do uso do tradutor, a falta de revisión por parte de persoas formadas en lingua ou a desconsideración das autoridades competentes tras varias denuncias presentadas en ocasións anteriores ante os órganos do estado son algunhas das causas que explican esta denuncia da AFNL e a existencia dunha clara desigualdade no tratamento das linguas.

Neste sentido, a AFNL presentou unha queixa ante o Consello de Defensa do Contribuínte para solucionar estas eivas. A asociación explicou que a Administración ten que dar un servizo de calidade e que o cumprimento da norma é un dos fundamentos centrais da súa existencia.

Por último, este colectivo impulsor da campaña En galego. É lóxico. Por dereito, anima a que as persoas contribuíntes opten polo uso da lingua galega na súa comunicación cos órganos do estado, a que denuncia situacións inxustas coa lingua e a que manteñan unha actitude proactiva na defensa do idioma de Galicia

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com