Vilalba Aberta propón a regulación gratuíta do aparcamento en rúa da Pravia

Antes da presentación do seu Programa Económico ao completo, Vilalba Aberta segue a facer públicas as diferentes propostas programáticas, tamén, no relativo a urbanismo e mobilidade, de cara ás vindeiras eleccións municipais. Apenas 3 días despois de presentar diante da veciñanza o seu Plan de Peonalización progresiva para a zona vella, a formación vén de presentar unha nova proposta, neste caso encamiñada á regulación do estacionamento na Rúa da Pravia.

Tal e como se recolle no programa da formación, trátase dunha fórmula de control, que procura a necesaria mobilidade a través dun sistema de lectura de discos fixándose para o mesmo un tempo máximo de estacionamento de 90 minutos e a partir do cal se daría pé a unha sanción. Unha medida, que dende Vilalba Aberta, lembran, poderá levarse a cabo a través da ampliación do plantel da Policía Local e/ou a través da anunciada contratación de auxiliares.

Na mesma liña, dende a formación, recalcan, “a intención non é outra que a de optimizar as prazas de estacionamento”, pois a iniciativa “non ten fins recaudatorios”, tal e como se encargou de subliñar o seu Candidato á Alcaldía, Modesto Renda.

A medida implantarase ao longo da citada vía e a ambas as marxes da calzada e precisaría, para facerse efectiva, da instalación dalgúns sinais e da distribución dos típicos reloxos para programar a hora, polo que dende a formación non quixeron adiantar un prazo concreto para a entrada en vigor do sistema.

En canto aos sinais verticais, Vilalba Aberta ten previsto colocalos nos extremos da rúa para informar os condutores do cambio. O alcaldable da formación, Modesto Renda, explicou que “a medida figurará no programa, en base ao proposto pola veciñanza no Programa Participativo e á boa acollida que esta tivo despois de realizar, o candidato, unha pequena sondaxe entre residentes e comerciantes.”

“Coa adopción desta medida desbloquearíanse os problemas para estacionar e favoreceríase ao comercio e aos negocios locais, ao tempo que se melloraría a calidade de vida dos veciñosas e residentes”.

A este respecto, o Candidato de Vilalba Aberta, lembrou tamén que varias localidades galegas poñen en práctica xa sistemas gratuítos para regular o estacionamento nos que se utiliza o modelo de control proposto pola súa formación. Así, “dende As Pontes ata Carballo, O Grove ou A Guarda, a mobilidade de vehículos procúrase a través dun sistema de lectura de discos de estacionamento.”

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com