O Ministerio de Fomento anunciou esta mañá que Adif aprobou a licitación da redacción dos proxectos básico e de construcción para a nova estación de ferrocarril e do seu aparcadoiro subterráneo ligados á futura estación Intermodal. O proxecto inclúe ademáis dous pasos inferiores entre os andenes da estación ferroviaria para distintos usos, así como a urbanización e integración urbana da actuación. Ante esta nova, foron diversas as reaccións esta mañá. Este proxecto de ADIF conta cun presuposto que supera o millón de euros e un prazo de execución de 15 meses polo que poderían iniciar as obras o vindeiro ano.
Esta medida responde ao compromiso de “licitación inmediata” deste proxecto que contraeran coa cidadanía de Lugo, o ministro de Fomento, José Luis Ábalos e a presidenta de Adif, Isabel Pardo de Vera, durante a última visita á cidade, na que presentaron o ‘Anteproxecto da nova área de transporte intermodal de Lugo’, o pasado 4 de marzo.
O proxecto posto en marcha continúa co establecido no anteproxecto, en coordinación con outras actuación que podan levarse a cabo na zona por parte doutras administracións, como a futura estación de autobuses, a cargo da Xunta.
Reaccións
Ante esta nova, e como era de esperar, foron moitas e moi diversas as reaccións. A conselleira de Infraestruturas da Xunta de Galicia, Ethel Vázquez, lamentaba a “falta de consenso” demostrada por Fomento e asegurou que se trata dun salto a cegas do Ministerio sen explicar cuestións de importancia como poden ser a forma de pago ou a resolución de certas incompatibilidades urbanísticas.
“Fomento dá un salto ao baleiro. Non coñecemos nin como se vai a pagar, nin como se vai a resolver a incompatibilidade urbanística. A experiencia aconsella resolverse con convenios de colaboración, con consenso, e traballando da man, como se está a facer en outros lugares como Ourense, Vigo ou Santiago, onde xa están en funcionamento”, criticou Vázquez.
Pola súa banda, ao coñecer esta nova, o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, solicitou unha reunión coa alcaldesa da cidade para intentar “desbloquear” as obras e investimentos supostamente paralizados polo goberno de Lara Méndez. Balseiro aclarou asemade que, entre os atrasos do Concello, non só se atopan licenzas de obra senón que tamén esperan resposta ás propostas de convenio para a execución da estación intermodal.
E a pesar da contra amosada pola Xunta ante os avances feitos dende Adif, o voceiro municipal, Miguel Fernández asegurou hoxe que se trata “dun gran día para cidade” pois o Estado está a cumprir, dixo o edil, “un compromiso feito aos lucenses”. Para Fernández, o importante agora é que Estado, Xunta e Concello se senten a negociar “que vai facer cada administración e en que prazos”.