A Casa Museo de Álvaro Cunqueiro recibe máis de 1.000 visitas en pouco máis dun mes

A alcaldesa de Mondoñedo, a popular Elena Candia, amosa a súa satisfacción polas boas cifras de visitantes que está a rexistrar a Casa Museo de Álvaro Cunqueiro, emprazada no centro da localidade, na mesma Praza da Catedral. Así, en tan só mes e medio, desde a súa apertura o día 1 de marzo, máis de 1.000 persoas visitaron a dotación cultural.

En concreto, recibíronse visitantes de Galicia, así como doutras comunidades, entre as que destacan Asturias e Madrid. As visitas internacionais proceden de Alemaña, Francia e Hungría; no caso de Europa e incluso de América, cuns visitantes chegados de El Salvador.

A rexedora recorda que a apertura “era un compromiso adquirido polo propio Goberno local, non só con Mondoñedo, senón tamén con Galicia”, polo que agradece que este interese “se vexa recompensado coas visitas que se están a recibir”.

Que ver no museo

Ademais de gozar da musealización do que foi durante preto de 15 anos o fogar de Cunqueiro e o lugar no que escribiu algunha das súas máis célebres obras os visitantes poden ver a propia cama do autor, a súa máquina de escribir e elementos persoais significativos que formaron parte da súa vida e da súa obra.

A Casa-Museo de Álvaro Cunqueiro púxose a disposición da cidadanía o día un de marzo, como explicou o propio conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, para “honrar e difundir o legado e a figura” do célebre autor mindoniense, incentivando así mesmo o turismo literario na contorna. A apertura integrouse nos actos da homenaxe que, coincidindo coa efeméride do seu 38 cabodano, se lle rende anualmente ao escritor.

Grazas a esta dotación reivindícase a obra de Cunqueiro ao tempo que se contribúe á dinamización cultural e turística de Mondoñedo, a través dun lugar privilexiado e de gran valor patrimonial, recordando que Mondoñedo e a súa Catedral son puntos principais dos Camiños do Norte, incluídos na lista do Patrimonio Mundial da UNESCO.

Horario de apertura

A Casa Museo Álvaro Cunqueiro abre de luns a domingo de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 19:00 horas. Tamén abriu o luns 18 de marzo, pola Ponte de San Xosé, e o 15 de abril, por Semana Santa.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com