O voceiro de En Marea, Luís Villares, denuncia a “visión centralista” das forzas políticas de ámbito estatal e reivindica a “urxencia” de que Galicia sexa tida en conta en Madrid. Fronte aos que xa teñen demostrado unha e outra vez o seu “nulo interese” polas necesidades dos galegos, Villares reivindica o papel “decisivo” de En Marea. Unha formación comprometida co desenvolvemento do territorio galego dentro dun estado que amplíe dereitos para o conxunto da cidadanía. E que “se presenta como o antídoto contra a desilusión e o esquecemento”.
“Hoxe ides ver un debate no que faltará Galicia, como a ignoran sempre. Os dous debates da televisión son unha estafa piramidal porque fan crer que hai unha democracia, pero esa democracia non é tal cando non se escoitan todas as voces da cidadanía. Nese debate non se fala de transferencias a Galicia, a pesar de que non houbo ningunha nos últimos dez anos mentres que o País Vasco conseguiu catro cun só voto”. Son palabras do voceiro de En Marea, que reivindica o papel desta formación para conseguir que a voz de Galicia se escoite alta e clara en Madrid despois do 28A.
Dende Lugo, Villares criticou que temas básicos para o desenvolvemento de Galicia sexan repetidamente ignorados polas forzas políticas de ámbito estatal. “Neses debates non se vai falar da mocidade galega emigrada por todo o mundo. Nin tampouco das infraestruturas galegas: nin da AP-9, nin do tren de proximidade, nin dos dereitos da cidadanía galega que precisa unha renda básica como a que leva propoñendo En Marea desde hai case dous anos”, afirma o voceiro.
Ante o que tildan de desinterese e visión centralista doutras forzas políticas, En Marea apela á urxente necesidade de que Galicia e os seus dereitos, “ata agora ignorados” tanto na política estatal como nos debates electorais, conten cunha forza decididamente comprometida coa súa defensa. “O problema xa non é que se ignore Galicia, senón que se ignoran tamén as posibilidades de mellorar das galegas e galegos. Porque cando se ignoran os problemas non hai maneira de poñerlle solucións”, denuncia Villares.
Fronte ao “flagrante desleixo” cara ás necesidades de Galicia do que veñen facendo gala outros partidos, En Marea quere poñerlle solucións aos problemas das galegas e galegos. “Somos a única forza que busca solucións aos problemas galegos, e que ao tempo é capaz de negociar coas forzas de carácter estatal”, afirma o voceiro. Que sinala o papel dos debates electorais como “un bo exemplo de como se entende a democracia. Para que Galicia non falte nesa política estatal é necesario que En Marea estea presente nesa política”.
Pola súa banda, a candidata ao Congreso por Lugo, Cristina Pérez, fixo un chamamento para que esa provincia non continúe perdendo máis trens. “Levamos perdidos moitos deles e a provincia merece contar dunha vez cunha infraestrutura que a comunique co resto da península e, aínda máis importante, co resto de Galicia”.
Pérez Herraiz volveu denunciar o isolamento e a perda de poboación que a falta de investimentos está a provocar en Lugo, e reivindicou un cambio de paradigma. “O que queremos en En Marea é o aproveitamento de infraestruturas que xa existen, como o FEVE. Actualizalas e facelas útiles para vertebrar o noso territorio”, explica a cabeza de lista de En Marea.
Pérez Herraiz destacou a necesidade de impulsar “un tren de proximidade que nos una ao resto de Galicia, porque non pode alguén subirse a un tren e tarde cinco horas en chegar a Compostela”. Unha situación de illamento que afecta á economía e provoca parte da emigración. “Non quero ver como medran os meus netos a través do Skype, quero que regresen e que queden”, reivindica.
O mitin e encontro coa cidadanía de En Marea celebrado esta tardiña no IES Virxe dos Ollos Grandes congregou ducias de veciños da cidade que acolleron as palabras da cabeza de lista ao Congreso Cristina Pérez, a candidata ao Senado Victoria Esteban, o candidato de Lugonovo á alcaldía Xosé Chorén e o portavoz de En Marea Luís Villares.