A candidata ao Senado por En Marea, Emma Rodríguez, e o candidato número 4 ao Congreso, Iván López, así como a Deputada de En Marea Paula Vázquez Verao, mantiveron, na tarde de onte, unha xuntanza en Monforte coa Plataforma ferroviaria da localidade para transmitirlles o apoio de En Marea ás súas reivindicacións.
As candidatas de En Marea comprometéronse a esixir que o novo Goberno saído das eleccións do 28 de abril cumpla inmediatamente, nos primeiros seis meses, coas reivindicacións máis urxentes da Plataforma Neste tren cabemos todas.
En primeiro lugar, segundo a agrupación, é esencial aumentar o persoal no taller de Renfe, pois hai experiencia e carga de traballo, ata o punto de que hai material que teñen que enviar a outros talleres por non poder asumilo. “Hai unha intención clara de desmantelamento do taller, e non o imos permitir”, sinalou a candidata ao Senado por En Marea Emma Rodríguez. Ademais, o taller “garante postos de traballo dignos e estables nesta comarca, que ben sabe como estaba cando Renfe tiña carga de traballo aquí”, indicou Iván López. O taller pasou de ter 43 postos de traballo a 13, e precisa ademais un reforzo das instalacións, para evitar ter que reparar máquinas á intemperie.
Outra reivindicación inmediata debe ser o aumento de frecuencias de trens de proximidade, esixindo xa a posta en funcionamnto dun tren que saia de Monforte ás 7:15 horas para enlazar co Avant que sae para Santiago ás 7:55 horas de Ourense, así como unha ligazón de volta co último Avant que sae de Santiago ás 20:30 horas e chega a Ourense ás 21:08 horas. Este novo servizo permitiría a mocidade e ás persoas en xeral estudar ou traballar en Santiago ou Coruña sen ter que vivir alí, e facilitaría a mobilidade a estas cidades, así como coa de Ourense, dende o punto de vista do turismo ou as xestións administrativas.
Tamén debe ser prioritaria a mellora da accesibilidade e instalacións da estación de ferrocarril de Monforte dende o punto de vista das persoas con mobilidade reducida e da seguridade. Como sinalaron os membros da Plataforma, “é inaceptable que, despois dunha reforma na estación de Monforte recrecendo as plataformas, non se dispuxese a instalación de ascensores entre plataformas que faciliten o acceso ás persoas usuarias, tanto por comodidade como por seguridade. Tamén vemos como a luminaria resulta ineficiente e mesmo se observan danos e desprendementos nas plataformas, estando remocicados hai relativamente pouco tempo”.
Asemade, a agrupación puido comprobar recentemente, xunto coa candidata ao Congreso, Cristina Pérez, esta realidade, “semellándonos inaceptable que unha persoa en cadeira de rodas teña que cruzar as vías por unha rampla inadecuada e con pouca sinalización. Tamén esixiremos axilidade na supresión dos pasos a nivel na cidade de Monforte. Estas reivindicacións tamén serán rexistradas no Parlamento de Galicia para que a Xunta inste ao Goberno do Estado a comprometerse con elas”, concluíu.