Ace-Eu esixe que un expediente sancionador á empresa que xestiona o Antonio Gandoy

O grupo municipal Alternativa Cidadá de Esquerdas- Esquerda Unida esixe ao goberno local que abra con efecto inmediato un expediente sancionador contra a empresa que xestiona o Centro de Día Antonio Gandoy, ante a denuncia trasladada polo sindicato Comisións Obreiras a través do rexistro municipal de preocupantes incumprimentos das súas obrigas contractuais.

Ademáis, o correcto pagamento dos salarios e cotizacións por parte da empresa adxudicataria é unha das condicións especiais de execución establecidas no contrato, ás que se lles atribúe carácter de obrigas contractuais esenciais, podendo dar lugar o seu incumprimento á propia resolución do contrato, tal como solicitan dende CC.OO., ou á imposición de penalidades. O goberno ten o deber de abrir un expediente sancionador ante a denuncia sindical rexistrada no Concello de Lugo, e esclarecer se é preciso impoñer unha multa á empresa, que se atoparía entre o 1% e o 10% do importe total do contrato, segundo se conclúa o nivel de gravidade dos incumprimentos e a reiteración dos mesmos.

“O goberno local está a facer deixación das súas funcións de inspección e control da correcta prestación dos servizos públicos, algo intolerable no caso dun servizo tan sensible que atende ás persoas máis vulnerables, persoas maiores e con distintos graos de dependencia”, sinala Carlos Portomeñe, voceiro de ACE-EU. “Non pode ser que cando un contrato está caducado o goberno de Lugo deixe de cumprir as súas obrigas de supervisar o estricto cumprimento das condicións laborais e de prestación do servizo”.

Os pregos indican de xeito literal que “o Concello poderá esixir responsabilidade á empresa adxudicataria pola infracción dos seus deberes con independencia do procedente respecto á extinción do contrato”, polo tanto, o goberno local ten plena potestade para actuar contra as neglixencias da empresa que xestiona o Centro de Día Antonio Gandoy aínda que o contrato estea xa caducado.

“O goberno local está acostumado a deixar ás traballadores e traballadores das empresas concesionarios en situación de desamparo e inseguridade xurídica co seu empeño de batir o récord de acumular contratos caducados e empresas prestando servizos con reparos de legalidade”, salienta Carlos Portomeñe, que lembrou que a actual situación de precariedade laboral dos traballadores do Antonio Gandoy é similar á do persoal de animación sociocultural dos centros sociais municipais, dependentes do mesmo departamento de Benestar, que tamén deixou caducar o contrato coa empresa adxudicataria, levando ás monitoras e monitores a ser despedidos en metade do curso e a que a prestación do servizo tivese que ser suspendido temporalmente”.

Alternativa Cidadá de Esquerdas considera que a situación de precariedade laboral e de merma da calidade na prestación dos servizos pode calificarse de endémica nos contratos dependentes da Concelleira de Benestar e Servizos Sociais, que adolece dunha total falta de previsión e de supervisión e preocupación real polo cumprimento por parte das empresas das súas obrigas contractuais.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com