O Pleno Municipal censura a Lara Méndez

O pleno municipal celebrado hoxe no Concello de Lugo censurou á rexedora, Lara Méndez, ao sacar adiante a moción presentada polo Partido Popular debido ao alto grao de incumprimento dos acordos plenarios aprobados durante o mandato da alcaldesa.

O voceiro do PP, Antonio Ameijide, puxo de manifesto a “incapacidade” de Lara Méndez para gobernar Lugo, despois de catro anos nos que a alcaldesa foi incapaz de dirixir o Concello e nos que sumiu a Lugo “nun mal soño do que os lucenses estamos a piques de espertar”.

Antonio Ameijide sinalou que Lara Méndez será recordada “como a alcaldesa que paralizou Lugo” durante os últimos catro anos, un tempo no que os lucenses “estivemos sumidos nun mal soño” do que “espertaremos” o vindeiro 26 de maio.

O voceiro popular sinalou que debido á incapacidade de Lara Méndez “será o Partido Popular o que poña #LugoEnMarcha” a partir do 26 de maio, despois de que neste mandato se “certificase” a incapacidade de Lara Méndez para poñer calquer proxecto en marcha. “Nin sequera foi capaz de levar adiante os acordos plenarios que se tomaron na corporación, moitos deles co seu voto favorable”, afirmou.

O Grupo Municipal do Partido Popular acadou o apoio da maioría do pleno para censurar a actividade de Lara Méndez neste mandato, ao non dar cumprimento aos acordos plenarios. Antonio Ameijide defendeu que se algo caracterizou o mandato de Lara Méndez nestes catro anos foi “a soberbia que tivo en todo momento”. Para o popular, a rexedora sempre demostrou unha total falta de respeto polos acordos que se tomaron no pleno e puxo como exemplo que o Grupo Municipal do Partido Popular presentou ao pleno un total de 119 proposicións, das cales 107 (90%) foron aprobadas e tan só 12 (10%) denegadas, pero a realidade amosa que o nivel de execución e cumprimento das proposicións que se aprobaron a iniciativa do Grupo Popular foi tan escaso por parte do equipo de goberno neste mandato que tan só se executaron 5 desas proposicións aprobadas. Ou o que é o mesmo, máis do 95% das propostas do Partido Popular que se aprobaron non se desenvolveron pola desidia e falta de respeto da Alcaldesa e do seu equipo de goberno cara o que representa este pleno.

Unha situación derivada do “nulo interese” de Lara Méndez por dialogar cos grupos da oposición para tentar chegar a algún tipo de acordo para desbloquear situacións e facer realidade proxectos, xa que a alcaldesa “sempre se esquece” de que goberna nunha clara minoría. “Quen goberna, goberna, está claro, o problema é que non o quere facer, nin ten interese porque Lugo medre”, sentenciou.

O Grupo Municipal do Partido Popular amosou a súa decepción despois de que o pleno decidise non apoiar unha proposta na que se pretendía instar ao Ministerio de Sanidade, Consumo y Benestar Social a impulsar unha norma que flexibilice e axilice o procedemento de acreditación de unidades docentes para a formación sanitaria especializada que permita aumentar a oferta de prazas de formación de especialistas (médicos de familia e pediatras), e axilizar a acreditación das unidades docentes pendentes, sobre todo naquelas especialidades consideradas como deficitarias polas Comunidades Autónomas.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com