O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, visitou hoxe a III Lanzadeira de Emprego de Lugo, con motivo da súa finalización e destacou o papel deste tipo de iniciativas na xeración de novas oportunidades laborais para os galegos e galegas.
A de Lugo é unha das nove lanzadeiras da convocatoria actual deste programa que a Xunta realiza en colaboración coa Fundación Telefónica e coa Fundación Santa María la Real. En concreto, nesta cidade participaron un total de 21 alumnos, dos que máis da metade xa atoparon un traballo grazas ao labor de formación e orientación que recibiron para mellorar a súa marca persoal. O conselleiro destacou que se trata dun dos programas que axudan a crear emprego de calidade en Galicia e sinalou que a maioría de participantes son mulleres menores de 30 anos.
Conde insistiu na importancia de traballar na oferta dunha formación dual para que os galegos e galegas teñan máis oportunidades. Así destaca a planificación que se recolle na Axenda 20 para o emprego con iniciativas como o Plan Galego de formación que o Consello aprobou onte.
Trátase dunha nova ferramenta que ten como principal obxectivo achegar formación cualificada a través de cursos adaptados ás necesidades tanto das empresas como das especialidades que demanda, nestes intres, o mercado laboral. Así, prevé beneficiar a máis de 26.000 persoas, entre desempregados e ocupados, a través de máis de 1.880 cursos durante os vindeiros dous anos. Neste sentido, subliñou a importancia que teñen as empresas á hora de identificar as necesidades formativas e os itinerarios precisos para dar resposta ás súas demandas centradas, sobre todo, na incorporación da Industria 4.0.