O PSOE recuperan “espazo político na provincia” para “impulsar unha perspectiva de futuro”

O Secretario Xeral do PSOE na Provincia de Lugo, Álvaro Santos Ramos, destacou esta mañá que os socialistas veñen de recuperar “espazo político na provincia” o que, segundo destacou o socialista “provocará que as nosas compañeiras e compañeiros no Congreso e no Senado poñan en riba da mesa as demandas dos lucenses e, deste xeito, se impulse, por fin, unha perspectiva de futuro despois de 7 anos de bloqueo da dereita”. Con estas verbas resumía Santos Ramos a súa valoración aos resultados das Eleccións Xerais nunha rolda de prensa no que estivo acompañado pola presidenta local do PSOE, Lara Méndez, e os representantes do partido no Congreso e no Senado, Ana Prieto, Sonsoles López e César Mogo.

O secretario socialista destacou a alta participación nestas eleccións nas que máis de 200.000 lucenses apoiaron aos de Pedro Sánchez, o que se traduce nunha participación que, por primeira vez, superou o 72% de electores na provincia. Santos Ramos asegurou que o seu grupo conseguiu o “mellor resultado da última década”, posicionándose como a primeira forza máis votada en 25 dos 67 concellos da provincia, entre eles na capital onde podería ser un avance do que se vexa nos vindeiros comicios municipais, o 26 de maio.

“Acadamos o mellor resultado da última década, quedando practicamente nun empate técnico coa forza máis votada (o PP), pois a diferenza foi só do 0,37%. Este resultado nos dá alento, forza, entusiasmo e ilusión para seguir traballando como o fixemos durante estes meses, desenvolvendo un proxecto político honesto cos cidadáns”, expresou Santos Ramos.

En canto á valoración da campaña, os socialista resaltou o importante traballo de planificación e fixación de obxectivos que realizou o partido. “Foi unha campaña deseñada con humildade, con presenza en todo o territorio, para explicar sinxelamente aos  veciños todo aquilo que en 10 meses fixo un Goberno que tiña como prioridade ás persoas”, aclarou o socialista que describiu a súa campaña como “propositiva, en positivo e non confrontadora nin violenta”.

Santos Ramos asegurou que o ámbito político do PSOE é “indiscutiblemente” a esquerda, no que as persoas, dixo, “son o eixo fundamental de todas as políticas”. Por ista razón, o socialista destacou que o seu partido desenvolve proxectos “que atenden ás realidades e necesidades” da sociedade. “Os cidadáns espertaron, tomaron conciencia da importancia que ten participar e como sempre cando o electorado se mobiliza a democracia gaña, e o PSOE gaña”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com