Xornada de Pleno na Deputación de Lugo, e xornada na que o grupo Popular pedía en pleno a reprobación do Partido Socialista no Goberno por facer, din, “unha campaña electoralista á conta da administración pública”. Esta moción foi apoiada por toda a oposición, é dicir, PP, BNG e o Deputado Non adscrito, Manuel Martínez.
En concreto, os populares criticaban que o PSOE se atribuía o financiamento e desenvolvemento de obras en varios concellos cando era a Deputación quen acometía as actuacións grazas aos orzamentos aprobados en pleno. Para o PP, este tipo de anuncios son “incorrectos e pouco éticos”.
Os populares critican esta práctica porque “estamos convencidos de que esta non é a maneira de facer política e que se está utilizando a Deputación de Lugo dunha maneira incorrecta”. A este respecto matizan que “os investimentos da Deputación nun Goberno en minoría decídense nun pleno da Corporación Provincial” e recordan que “é grazas a un compromiso serio e leal do Grupo Provincial porque, sen apoio, o Goberno provincial non sería capaz de sacar adiante os orzamentos e, polo tanto, tampouco eses investimentos que atribúen ao seu Partido”.
Neste mesmo senso falaba o Deputado non adscrito, Manuel Martínez, quen avanzaba antes de entrar no pleno o seu posible apoio a esta moción dos populares, ao lembrar que el ten unha demanda xudicial pola “utilización partidista da institución”.
Outras mocións
Noutro senso o goberno da Deputación presentou no pleno, unha modificación do Catálogo de Estradas da Deputación co obxectivo de aplicar a redución da liña límite de edificación nas fincas limítrofes das estradas da rede provincial. A proposta foi aprobada por unanimidade polo Pleno.
Tamén por unanimidade foi aprobada a petición dos populares para recoñecer as festas parroquiais como Patrimonio Cultural Inmaterial de Galicia. O Goberno provincial deberá implicarse ademais na promoción e divulgación da recollida de sinaturas, promovida pola Asociación Galega de Orquestras, para solicitarlle á Xunta de Galicia que as festas parroquiais galegas sexan recoñecidas como Patrimonio Cultural Inmaterial de Galicia.