O Voceiro do Goberno provincial, Álvaro Santos Ramos, e o Deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón, acompañados polo vicepresidente da Federación Galega de Fútbol, Carlos Méndez “Negrín”, presentaron a XXXVI edición da Copa Deputación de Lugo.
Santos Ramos remarcou que “nesta edición dámoslle un gran pulo ao deporte feminino, pois o ano pasaron participaron tres equipos, e este ano contaremos con 7. Unha mostra máis do bo momento que vive o deporte feminino e ao mesmo tempo un recordatorio da importancia que ten o apoio das institucións públicas coa fin de fomentar e avanzar na igualdade. Por iso decidimos igualar as contías dos premios económicos e equiparalos aos equipos masculinos”.
O torneo terá lugar entre os meses de maio e xuño nos campos de toda a provincia. Como en edicións anteriores o organismo provincial resposta as peticións dos clubs, asumindo os custos de arbitraxes e desprazamentos. A Copa Deputación contará con encontros en todas as categorías desde prebenxamíns ata veteráns, e o sistema da competición volverá ser de partido único. Ao rematar a presentación realizouse o sorteo de emparellamentos dos partidos nas categorías de Preferente, 1ª Autonómica, 2ª Autonómica, 3ª Autonómica, Veterán e Fútbol Feminino, un total de máis de 130 equipos, xa que os partidos das fases previas en 2ª e 3ª Autonómica xa se están celebrando, a estes conxuntos haberá que sumar os equipos das categorías base.