A asociación de comerciantes do casco histórico, Lugo Monumental, propón adecentar as medianeiras expostas con falsas fachadas ou debuxos artísticos. Segundo explican, a evolución do urbanismo leva consigo a aprobación de diferentes normas baseadas en criterios desiguais o que, co paso do tempo, provoca efectos secundarios adversos como é o caso das medianeiras expostas á vista entre edificios de diferentes alturas.
Lugo Monumental afirma que esta situación afea notablemente o conxunto da cidade e que pode ser evitada mediante a utilización destes espazos como lenzos para que se debuxen sobre eles falsas fachadas, que fagan que o aspecto da cidade mellore.
Tamén consideran a posibilidade de que, dependendo das zonas da cidade de que se trate, e do ámbito de cada un dos edificios, poderíanse dar outros usos como a expresión artística de creadores locais.
Parecería que o lóxico é que no casco histórico a iniciativa se limitase á creación de falsas fachadas, pero este debate poderíase abrir ao criterio común dos lucenses.
Entenden asemade que esta iniciativa dependería tanto das comunidades de propietarios dos inmobles afectados como da propia administración, que segundo afirman, debería incentivar estas actuacións dende varios puntos de vista: con exencións nas taxas correspondentes á pintura desas portadas, axudas ou mesmo creando concursos que promovan as fachadas máis axeitadas.
Lugo Monumental sinala que sería prioritario actuar en primeiro lugar na zona do casco histórico, se ben esta iniciativa é recomendable para o resto de Lugo.