Louzao fai pública a súa declaración de bens e convida ao resto de alcaldables a facer o mesmo

A portavoz municipal de Cidadáns en Lugo e candidata á alcaldía nas eleccións do vindeiro 26 de maio, Olga Louzao, fixo pública hoxe “en sinal de máxima transparencia” a súa Declaración de Bens e a súa última Declaración da Renda co compromiso de volver publicala ao finalizar o próximo mandato “para que todos os lucenses poidan comprobar que non todos os políticos somos iguais nin vimos ás institucións a enriquecernos cos cartos de todos”.

Olga Louzao depositou esta mañá ante notario esta documentación, que estará dispoñible tamén na páxina web www.olgalouzao.com, e convidou ao resto de candidatos a facer o mesmo. “A democracia e a confianza da cidadanía nas institucións gaña con feitos coma este e se todos os candidatos que nos presentamos á Alcaldía de Lugo fixesen isto, a xente confiaría máis nos políticos”, asegurou a candidata de Ciudadanos.

Na Declaración de Bens de Olga Louzao, feita pública hoxe, a mesma que figura no Rexistro de Intereses do Concello de Lugo, figura a súa vivenda, adquirida no ano 2008 e sobre a que pesa unha hipoteca pendente de 70.000 euros; o seu coche, un Citroën C4 do ano 2006 con 285.000 quilómetros; dúas contas bancarias con 15.151 euros; diversos produtos de aforro e inversión por valor de 19.336 euros; e un plan de pensións con 15.123 euros depositados. En canto á Declaración da Renda do último exercicio, inclúe a súa nómina como concelleira, de 1.458,28 euros brutos mensuais, así como os 3.836 euros que gañou na súa actividade como axente de seguros.

“En Cidadáns non somos profesionais da política, senón que procedemos todos da sociedade civil, somos persoas que temos os nosos traballos á marxe da política e que queremos aportar a nosa experiencia e o noso coñecemento para que esta cidade cambie e avance”, indicou a candidata de Ciudadanos. Por iso, Olga Louzao asinou tamén esta mañá unha acta notarial na que se compromete a que se é alcaldesa de Lugo reducirase o soldo un 25% con respecto ao que hoxe cobra Lara Méndez. A alcaldesa de Lugo é o terceiro rexedor mellor pagado de toda Galicia cun salario bruto de 67.000 euros anuais. “Son 4.800 euros ao mes, cinco veces o salario mínimo que o PSOE fixou en 900 euros mensuais para o resto da cidadanía”, comparou.

“O primeiro que fixo Lara Méndez ao chegar á alcaldía foi subirse o soldo con respecto ao que cobraba Orozco e eu se chego á alcaldía baixareino 1.200 euros porque o primeiro que ten que facer unha alcaldesa é dar exemplo e paréceme indecente cobrar 4.800 euros cando hai neste momento 6.000 persoas na cidade de Lugo no paro e moitas familias chegan a fin de mes don dificultades”, argumentou a cabeza de lista de Ciudadanos.

Olga Louzao comprometeuse tamén a estar só dous mandatos no cargo porque, dixo “Ciudadanos é partidario da limitación de mandatos e da renovación nos cargos públicos para que entre aire fresco nas institucións”. Defendeu que “Ciudadanos veu á política para rexenerar as institucións e acabar coa corrupción e os privilexios”, dixo, e avanzou que, tras baixarse o soldo, a seguinte medida será “realizar unha auditoría interna da situación municipal para explicarlle á cidadanía como está o Concello e en que se gasta cada céntimo dos seus impostos”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com