O voceiro do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, acudiu esta mañá aos xulgados de Lugo para ratificarse na denuncia presentada contra Lara Méndez e o seu equipo de goberno por unha presunta prevaricación e malversación de fondos públicos, ademais de achegar nova documentación que “reafirma as irregularidades da alcaldesa”.
Ameijide acudiu aos xulgados de Lugo para responder ás preguntas da xuíza, pero tan só puido ratificarse na denuncia presentada e achegar nova documentación á causa, xa que a xuíza que instrúe a causa se atopa de baixa médica, polo que as outras testemuñas citadas a declarar esta mañá se aprazaron ata o vindeiro 13 de maio.
O popular recorda que cando Lara Méndez tomou posesión como alcaldesa de Lugo herdou 6 servizos sen contrato ou co contrato caducado, unha situación que “empeorou gravemente” ata superar os 44 contratos caducados. Neste senso, o voceiro popular sinala que “en calquer país” Lara Méndez estaría “inhabilitada” para exercer o cargo ao estar investigada por unha presunta malversación de fondos públicos e unha posible prevaricación. “Falamos de corrupción, esa palabra que tanto lles gusta dicir aos membros do PSOE nos últimos meses para referirse a outras forzas políticas, pero que cando se pon sobre as súas siglas semella que non saben de que se fala”, dixo o popular.
Antonio Ameijide foi a primeira persoa citada a declarar nesta investigación aberta polos xulgados lucenses, declaracións ás que tamén terán que sumarse Lara Méndez e os seus concelleiros para explicar en sede xudicial os motivos de non atender os reiterados avisos dos funcionarios e non sacar a licitación os contratos caducados.
O voceiro popular recordou que “non é unha pataleta como xa dixeron”. Temos datos obxectivos, facilitados polo propio goberno municipal, como os máis de 20.5M€ que se pagaron no ano 2017 con reparo de legalidade ou os 23M€ pagados ao marxe da legalidade no ano 2018. Datos que seguen medrando, porque nos primeiros catro meses deste ano Lara Méndez xa autorizou o pago de preto de 10M€ ao marxe da lei e o propio auto xudicial fala de “indicios de delito”.
O popular explicou que os socialistas non poden alegar descoñecemento xa que “a alcaldesa tivo incontables oportunidades para mudar de actitude e cambiar, nos últimos catro anos, a situación dos contratos irregulares pero so fixo oídos xordos ás advertencias dos funcionarios e ás da oposición”. “Para o PP foi unha decisión dura chegar á xustiza, pero tamén a única posible e a última que nos quedaba diante dunha alcaldesa que amosa un total desprezo cara ao procedemento de contratación e que se cre impune á lei”, finalizou o popular.