A coalición de Ace-Eu-Equo presenta a súa candidatura ao completo

A candidatura de unidade popular Alternativa Cidadá de Esquerdas, que vén de sumar ao partido ecoloxista Equo á súa coalición con Esquerda Unida para concorrer ás vindeiras eleccións municipais, presentou esta tarde en Campo Castelo a súa candidatura completa.

A lista, que se presenta baixo as siglas ACE-EU-Equo, está encabezada polo concelleiro Carlos Portomeñe, que leva os últimos catro anos como voceiro do grupo municipal de Alternativa Cidadá de Esquerdas. Séguelle como número dous Chus Rodríguez Rodríguez, psicóloga no Equipo Técnico do Menor da Xunta de Galicia. No terceiro posto está Vanessa Somoza Domínguez, recente cabeza de lista por Lugo de En Común Unidas Podemos ao Congreso, iniciouse na política a través do  movemento 15-M, é artista plástica e deseñadora gráfica que coñece a fondo os centros de convivencia de todo o municipio porque leva anos impartindo cursos neles.

A cuarta na lista é a xornalista e secretaria de comunicación de Esquerda Unida, Carmen González Magdaleno, seguida no quinto posto por José Luis López Álvarez, secretario provincial de Industria de Comisións Obreiras; e no sexto lugar por Marta Castro Ayude, auxiliar de enfermería integrante de Equo, tamén activista animalista en Anonymous for de Voiceless e Lugo Animal Save.

A lista conta con dúas integrantes máis de Equo, Nery Díaz Prieto, que acaba de encabezar a lista ao Senado por Lugo de En Común Unidas Podemos e María Olga Reguera Varela. Por parte de Esquerda Unida tamén van na lista o delegado sindical pola CIG en Urbaser, Diego Moreira Ulla; a profesora de Filosofía e coordinadora comarcal de EU Lugo, Isabel Sánchez Corral; o seu secretario de organización, Fernando Yáñez Pérez; David Alcalá Adrián, veterinario; Xoan Trigo González, licenciado en psicoloxía e Máster da USC en Profesorado de ESO, FP e Ensinanza de Idiomas; ou Carmen Cruces Artero, pedagoga e traballadora da Área de Servizos Sociais da Xunta de Galicia.

Esta candidatura tamén conta con candidatas e candidatos independentes que forman parte da Asemblea Aberta de Alternativa Cidadá de Esquerdas, como Ana Fernández Fernández, directora do CEIP de Présaras (Vilasantar); Beatriz López López, profesora de primaria do CEIP Luis Pimentel, ou Jacobo Llamas Martínez, doutor en filoloxía, foi profesor nas universidades de Santiago de Compostela e de Neuchâtel (Suíza). Todos os membros destacan pola a súa activa participación nos movementos sociais da cidade, como a Plataforma Feminista de Lugo, Lugo Sen Mordazas, Lugo de Cara ao Miño ou a Plataforma Contra a Impunidade do Caso Carioca.

Os principais eixos programáticos da lista de integración entre Alternativa Cidadá de Esquerdas, Esquerda Unida e Equo serán unha nova planificación urbanística que mellore o espazo público e respecte o patrimonio natural e histórico, o redeseño estratéxico de toda a mobilidade para que sexa tanto útil como ecolóxica e integre a contorna urbana coa rural, a inclusión social, a rexeneración da administración local para dar carpetazo definitivo ás prácticas clientelares e corruptas, a recuperación de servizos públicos, a xustiza fiscal e o protagonismo do feminismo e o ecoloxismo de xeito transversal en tódalas áreas de goberno.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com