Louzao defende a produción de leite e carne para fixar poboación nas parroquias lucenses

A portavoz municipal de Cidadáns no Concello de Lugo e candidata á alcaldía, Olga Louzao, pasou a xornada de hoxe colaborando nas tarefas da explotación familiar, ubicada na parroquia do Burgo e que rexenta o seu home, onde aproveitou a ocasión para criticar aos políticos que”soamente se lembran dos gandeiros para sacarse unha foto visitando unha explotación en campaña electoral”.

A explotación de vacas de carne en extensivo do marido de Olga Louzao conta con 60 cabezas das razas limusín e rubia galega. “Ninguén ten que vir a contarme os problemas dos gandeiros nin do rural, xa que eu e a miña familia vivímolos todos os días en primeira persoa”, dixo.

A candidata de Ciudadanos propuxo un Plan de Dinamización da Zona Rural do Concello e defendeu que “é necesario potenciar a produción de leite e de carne nas 54 parroquias de Lugo para deste xeito fixar poboación na zona rural e manter vivas as parroquias”. Ademais da función produtiva, Olga Louzao salientou que “a actividade agrogandeira mantén o territorio e a riqueza medioambiental e reduce o risco de incendios forestais”.

Destacou “o esforzo dos gandeiros lucenses que co seu traballo e malia as trabas e atrancos das Administracións logran manter a Lugo entre os municipios galegos con maior produción de leite”. As explotacións radicadas no Concello de Lugo pecharon o pasado exercicio 2018 cunha produción total de 48,2 millóns de litros de leite, o que sitúa a Lugo no número 16 do ranking de concellos galegos con maior produción láctea.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com