Lugonovo pula por desenvolver unha política de promoción do Campus

Lugonovo aposta por desenvolver unha política de promoción do Campus para poñelo en valor e facer del un dos principais reclamos do municipio.

“Estamos a falar dunha institución cun gran recoñecemento e prestixio non só en materia educativa senón tamén como referente de investigación. Da que dependen máis de 600 empregos fixos e outros moitos indirectos, o que a converte na segunda forza de xeración de traballo da cidade tralo Hula. Sen esquecer o impacto económico que deixan na cidade os máis de 5.000 alumnos, aspirando a recuperar a cota de 11.000 matriculados que tivo nos mellores tempos”, refire Xosé Chorén.

O candidato de Lugonovo a alcaldía, Xosé Chorén, cualifica como “vital” o papel que a Universidade desempeña no concello e pon sobre a mesa toda unha serie de medidas para revitalizalo e acadar unha maior proxección pública.

“Primeiramente cómpre realizar unha regularización dos edificios que integran o conxunto de instalacións universitarias e acadar un maior compromiso de financiación por parte do resto de organismos que colaboran no seu mantemento, mellorando especificamente as partidas procedentes do Plan de Choque da Deputación”, indica Chorén Vázquez, ao tempo que apunta a necesidade de que as administracións, en concreto a local, “boten man de todo o seu potencial á hora de solicitar colaboración para a realización de proxectos técnicos, que o goberno adoita externalizar, ou mesmo mediante a apertura das dependencias ás prácticas de empresa ou á celebración de convenios para a xestión do arquivo municipal, apostando pola súa dixitalización”.

“O Campus é un dos pulmóns de Lugo, unha gran fonte de ideas e de talento que debería gozar de maior protección e transversalidade social. Esa é a vontade de Lugonovo e así o levamos demostrando catro anos nos que, entre outras cousas, propuxemos a creación dun “Distrito Erasmus”, unha iniciativa na que se contemplaba a posibilidade de designar ao estudantado estranxeiro – neste intre 170 persoas- como embaixadores da cidade”, lembra o alcaldable.

“Lugo ten moito atractivo entre o público universitario, non só polas titulacións que se ofertan e pola súa excelencia académica senón pola cidade en si mesma, sen embargo debe loitar contra eivas tran transcendentais como é o seu illamento xeográfico a nivel de comunicacións viarias. Unha persoa de Vigo precisa dispoñer de 6 horas se quere ir á súa casa cada fin de semana. Unha carencia que se debe compensar enxalzando o resto de valores que posúe e a súa gran proxección de futuro”, traslada Chorén Vázquez como conclusión ao encontro que unha delegación de integrantes da Plataforma Cidadá mativo estes días coa Vicerreitora de Coordinación do Campus, Montserrat Valcárcel Armesto.

“Un Campus Universitario potente é un motor para o tecido produtivo local e mesmo o seu garante como impulsor do comercio local, o aluguer de vivendas e a conservación do sector servizos. E nesa medida tamén é preciso dotala doutra consideración”, asegura Xosé Chorén.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com