Lugo volverá cantarlle ás Letras Galegas no paseo literario

Lugo volverá cantarlle ás Letras Galegas. Así o avanzou esta mañá a titular da área de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, xunto a representantes dalgunhas das agrupacións corais e orfeóns que ofrecerán unha actuación, o propio 17 de maio.

Durante o acto de presentación, a edil tivo palabras para o homenaxeado no Día das Letras Galegas 2019; Antón Fraguas Fraguas, así como para os grupos participantes, por implicarse coa literatura e a cultura galega.

Tal e como anunciou a concelleira, este é o terceiro ano que se celebra esta actuación, que arrincará ás 18:00 horas, e recorrerá a rúa Bispo Aguirre e a Praza Maior, seguindo o paseo literario que existe nestes espazos. Actuarán 9 agrupacións: a Coral Lugh, a Coral Xolda, o Orfeón Lucense, o Coro do Hospital, a Coral E. do Miño, Cantar Delas, a Asociación Amigos do Camiño, Orfeón Xoán Montes e o Grupo Solo Voces. Terá unha duración de 90 minutos e contará co xornalista Paco Nieto como presentador do concerto.

Así mesmo, o Concello programou o día 15 de maio, ás 20:00 horas, no auditorio do Vello Cárcere, unha conferencia a cargo de Adolfo de Abel Vilela: Antonio Fraguas Fraguas en Lugo. A etapa da liberdade e do recoñecemento intelectual (1950-1959). Presentarase o libro do mesmo autor. Ao día seguinte, o patio deste centro sociocultural acollerá o concerto de Evoéh, unha iniciativa artística, creada por Ariana Barrabés (voz) e Jesús Olivares (Guitarra), coa intención de darlle unha nova visión á música e á poesía. Coa súa práctica artística encherán  o Vello Cárcere de emocións. Será a partir das 21:00 hooas, e a entrada é libre ata completar cabida.

A maiores, o propio Día das Letras Galegas, o Arde Lvcvs Cvltvral ofrecerá unha degustación e venda de pan romano, como vén sendo de costume os últimos anos. Os soportais da Praza Maior acollerán os distintos postos en xornada de mañá, de 11:30 a 14:00 horas.

Por outra banda, a programación de Artes Escénicas ten preparado para conmemorar esta data, no Auditorio Municipal Gustavo Freire, o concerto de Leilía, Cantar Elas. Ás portas de facer 30 anos xuntas, Leilía afronta este aniversario coa presentación dun novo espectáculo que revise a súa discografía, a súa traxectoria musical fiando as súas orixes coas aprendizaxes adquiridas ao longo destes anos.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com