Un lustro non é nada

Cinco anos van xa desde aquel maio de 2014 no que a Terra Chá se fixo o centro do mundo poético coa dedicatória das Letras Galegas a Xosé María Díaz Castro. Aquel 17 de Maio e os meses previos nos que Xermolos, da man de Alfonso Blanco, intensificaron as actividades para o coñecemento do poeta dos Vilares.
Actos, filmes, conferencias, visitas ao lugar de nacimento no Vilariño, concertos, publicacións, traduccións, concursos literarios, roteiros, xornadas e moitísima participación escolar, fixeron deste autor, un dos máis significados de todos cantos lles foron adicadas as letras galegas.
Pero non todo rematou aquel ano 2014, pois lonxe de parar todo ese traballo, a mecha prendeu en Guitiriz e toda a Chaira. A creación  en 2015 coincidindo cos 25 anos do seu pasamento, do Premio de Poesía Díaz Castro, o nacemento dun grupo poético de base dos máis activos do país, a NPG Nova Poesía Guitirica, a aparición de proxectos como Os Vilares lareira de soños, os fermosos traballos do alumnado do IES Díaz Castro vinculados ao poeta que lle da nome ao centro, e a implicación da veciñanza do concello, siguen a consolidar a Díaz Castro non só como un dos grandes poetas galegos, que xa era, senón que está a contribuir a un grande recoñecemento e valoración social.
A futura restauración e e conversión da vivenda familiar na “Casa da Xente” pola labor incansábel de Xermolos, será tamén o feito definitivo para que o poeta figure  nese ceo literario reservado aos grandes, e con él a poesía chairega que conta con innumerábeis bardos de grande calidade.
Cinco anos non é nada en tempo, pero supuxo moito na imaxe de Guitiriz non só como concello termal (tristemente sen balnearios) da auga e da pedra, senón tamén como un concello poético que precisa dunha maior implicación institucional. Agardemos que o novo goberno que xurda tamén este mes, tome conciencia de que non chega con convocar un certame sen participación e implicación veciñal ou facer un roteiro.
Despois do 2014 foron asociacións, centros de ensino e sociedade civil quenes máis contribuiron a manter con vida o legado do poeta mentras que as institucións “cubriron o expediente” aquel ano con actos públicos, placas e esculturas, indo co tempo a unha progresiva “desconexión” a respeito da figura máis importante da história de Guitiriz e un dos grandes poetas galegos de tódolos tempos.
A casa de Díaz Castro, os frescos da igrexa onde foi bautizado, a escola habanera onde aprendeu a ler na Conchada, están agardando pola restauración e posta en valor como reclamo de visitantes a estes lugares de actividade e cultura tan importantes para o Pepe do Vilariño, para convertir esas “herbas pequerrechiñas” en foco tamén de economía e progreso desde a parroquia rural do poeta, Os Vilares.
Cinco anos non é nada pero estiveron cheos de luz e poden vir outros cinco (e 500 máis) nos que se fagan realidade tantos desexos. Díaz Castro vive na xente. Longa vida ao noso poeta!

Autor: Anton Tenreiro Ferreiro (Antón de Guizán) 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com