Despois de que a Xustiza tombase hai dous meses o recurso que presentou o PP contra o nomeamento do director xeral de Recursos Humanos do Concello, os xulgados volveron a ditar agora unha sentenza a favor do Concello de Lugo na que avalan o procedemento e desestiman o recursos formulados polos sindicatos CIG e USO.
O Xulgado Contencioso Administrativo, que de novo apuntala os informes dos servizos xurídicos e do Secretario do Concello, afirma que o acordo da Xunta de Goberno do 2 de maio de 2018 no que se nomeou ao actual director xeral de Recursos Humanos non vulnera ningún mandato do Pleno, xa que este carece de competencia para acordar a supresión dun órgano directivo, polo que sigue existindo. Neste senso, reitera que, segundo o Regulamento Orgánico
Municipal e a Lei, “só lle corresponde á Alcaldesa de Lugo no exercizo das competencias que ten atribuídas, por lei e Regulamento, establecer a organización e estrutura da Administración local executiva e, en concreto: a determinación do número, denominación e competencia das áreas de goberno, e no seu caso, a supresión dos órganos directivos, pero non ao Pleno”.
Os tribunais tamén avalan o proceso de designación, pois trátase dun posto directivo considerado “alto cargo”, polo que o seu nomeamento non ten que aterse ás regras de provisión establecidas no Estatuto Básico do Empregado Público”, se non que é “libre e discrecional”. Asegura tamén que a persoa nomeada reúne a condición de experiencia en materia de persoal requirida para o posto, como consta na resolución administrativa da Alcaldía. O Contencioso determina que as custas recaen nas organizacións que recorreron.