O PSOE vilalbés destaca a necesidade de inverter en saúde como garante dun futuro máis seguro

A candidata á alcaldía de Vilalba, -Elba Veleiro-, e outros tres membros da lista que pertencen ao ámbito sanitario, -Miguel González , Mª Teresa García e Rosalía Otero-, co gallo da celebración do día Mundial da Saúde mañá 7 de abril, reflexionan sobre a necesidade de “inverter en saúde como garante dun futuro máis seguro”. Así insisten que “a saúde non é tan só a ausencia de enfermidades, senón que se define como un estado de benestar físico, mental e social”.

Neste senso, a alcaldable explica que no seu programa electoral “levamos propostas para inverter en saúde desde o Concello de Vilalba con programas específicos de fomento de hábitos de vida saudables: nutrición saudable e exercicio físico dirixidos a persoas de todas as idades e residentes no medio urbano e rural”. O programa do PSOE de Vilalba inclúe tamén propostas específicas dirixidas á mocidade, como a educación para a prevención das drogadiccións ou a prevención de condutas violentas.  A este respecto os socialistas vilalbeses indican que “aínda podemos incluír no noso programa máis proxectos xa que estamos na fase de programa aberto á participación cidadá”.

No tocante á inocuidade dos alimentos, tema ao que se dedica o Día Mundial da Saúde deste ano, Veleiro indicou que “o consumo de alimentos insalubres é a causa da morte de dous millóns de persoas ao ano”. Mª Teresa García destaca como medida de prevención a formación dos máis cativos, xa que “se os nenos aprenden  un correcto manexo dos alimentos estaremos facendo unha gran inversión en saúde”. “Hai que inverter en educación no ámbito escolar, familiar e social, na loita contra a pobreza infantil para acadar nenos e adultos máis sanos”

Para os socialistas vilalbeses “a saúde non é un xogo, é prioritaria na vida das persoas”.  Os profesionais sanitarios que conforman a lista do PSOE neste municipio contan cunha clara vocación para axudar ás persoas, algo que aplicarán do mesmo xeito na súa vocación política. Por iso, o seu obxectivo é acadar unha maior calidade de vida para todos os veciños e veciñas de Vilalba e tratar de cubrir as súas necesidades básicas, entre as que destaca unha atención sanitaria de calidade e efectiva, xa que segundo explica Veleiro e recorrendo aos tópicos, “ a saúde valorámola cando nos decatamos de que nos falta; a saúde non é todo na vida, pero sen ela o demais non é nada”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com