1.000 veciños “comprometidos co futuro da provincia” conforman as candidaturas do Partido Socialista nos 67 Concellos. Nunha campaña chea, segundo o PSOE, de optimismo, ilusión, ganas e forza os socialistas presentan propostas e iniciativas en cada un dos municipios da provincia e para os máis de 300.000 lucenses. Son 380 mulleres e 550 homes cun proxecto común “de progreso e futuro polo Concello que queres e a Provincia que queres. Para seguir cara adiante”, explican.
Nun vídeo, os socialistas na provincia de Lugo recollen que “con ilusión e compromiso, o próximo 26 de maio será o día. Será o día do progreso, do diálogo, da transparencia, da participación, da ilusión e do compromiso. Porque xuntos queremos seguir medrando. Queremos seguir avanzando, da man dos nosos maiores, ao carón dos nosos traballadores, dos empresarios, do comercio, dos servizos… Porque xuntos ímolo conseguir. É a hora das nosas vilas. É o momento dos nosos Concellos e dos nosos pobos e das nosas aldeas… Porque estamos orgullosos da nosa provincia, de cada un dos Concellos, de ser lucenses… O 26 de maio, sigamos cara adiante”.