Os candidatos do PP á alcaldía de Antas de Ulla, Palas de Rei e Monterroso, Javier Varela Pérez, Pablo Taboada e Eloy Pérez Sindín, agradecen á Xunta de Galicia as axudas que vén de conceder a estas entidades locais para a creación de emprego e mellorar o turismo na zona. Concretamente, grazas á administración autonómica, e dentro do Aprol Rural, estes municipios contratarán en total a 8 desempregados durante 9 meses, que realizarán labouras relacionadas coa silvicultura e a limpeza de montes. O importe destas axudas ascende a 92.000 euros.
No marco das subvencións que convoca a consellería que dirixe Román Rodríguez, o concello de Palas de Rei recibe 19.800 euros para a mellora das instalacións do Camiño, ao seu paso por esta localidade.
Máis de 110.000 euros é a cantidade que a administración autonómica inxecta directamente nas arcas destas entidades locais, converténdose así estes programas nun recurso máis para reducir o paro nesta comarca e potenciar un dos recurso económicos máis importantes cos que conta, como é o Camiño Francés.
Para os alcaldables populares trátase de dúas iniciativas “moi positivas”, xa que desenvolver políticas que redunden na creación de emprego e no impulso do turismo, supón “estar actuando directamente na mellora da nosa economía local”.
“O Camiño é hoxe sinómimo de emprego, de posicionamento no mapa a nivel internacional, de valor engadido para a Ulloa… e a isto lle engadimos a creacións de oportunidades laborais no noso rural, estamos asentando poboación e revalorizando a nosa comarca”, subraian.