Nava Castro destaca en Triacastela o gran potencial da artesanía galega como reclamo turístico

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, foi a encargada de abrir a Feira de Artesanía e Produtos da Zona de Triacastela. Esta feira, que neste ano celebra xa a súa sexta edición, estase a consolidar como unha das citas destacadas da provincia de Lugo.

Durante o seu pregón a directora de Turismo de Galicia destacou a importancia deste evento que, segundo explicou, aglutina elementos fundamentais para Galicia: a artesanía, as compras, o turismo, o Camiño de Santiago, os espectáculos musicais e a enogastronomía. “A transversalidade desta feira e as sinerxías que xera entre as entidades públicas e os colectivos cidadáns, convertena nun evento especial e singular para a nosa comunidade autónoma”, afirmou.

Nava Castro sinalou que esta feira impulsa o comercio local, facilita a venda e proporciona aos visitantes unha oportunidade única para descubrir o marabilloso enclave de Triacastela, do cal destacou entre outros recursos, o seu patrimonio relixioso e civil e o espazo natural do Ancares – Courel, unha das grandes reservas Verde de Galicia.

Así mesmo, a responsable de Turismo da Xunta fixo referencia ao Camiño de Santiago e ao incremento de peregrinos que está rexistrando o Camiño Francés. O pasado ano foron preto de 162 mil peregrinos os que realizaron esta ruta xacobea, o que supuxo un incremento do 6,74% nesta ruta.

Doutra banda, Nava Castro sinalou que a artesanía constitúe un símbolo do marcado carácter tradicional de Galicia aínda que destacou que nos últimos anos o proceso produtivo foi modernizándose permitindo a mellora do rendemento e da calidade dos produtos. “Hoxe, a combinación entre a tradición e o vangardismo alíanse e constitúen un claro produto turístico que outorga a posibilidade non so de descubrir o noso territorio, senón que tamén mostra a nosa cultura e costumes a aqueles que nos visitan”, explicou.

Para concluír, a directora de Turismo de Galicia resaltou que o comercio e a artesanía engaden valor á oferta turística ao tempo que reforzan a marca e o posicionamento do destino Galicia e do Camiño de Santiago.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com