Lugonovo trasladaba hoxe á veciñanza as súas propostas para a zona rural nun acto celebrado este mediodía na Escola de Pías. O candidato á alcaldía, Xosé Chorén ,acompañado dunha representación da candidatura, iniciou o encontro lamentando a falta de atención do goberno local para coas persoas residentes nas 54 parroquias de Lugo “ás que semella considerar cidadanía de segunda, tendo en conta que, ano tras ano, persiste en negarlles servizos tan básicos como o saneamento e o abastecemento da auga”.
Chorén expuxo, á continuación, as iniciativas que a organización pretende impulsar logo do 26 de maio entre as que se atopa a creación dun banco de leiras para dinamizar a produción agrícola. “É urxente dar acceso á terra, como medio de vida, especialmente aos colectivos máis vulnerables, pero tamén para garantir o relevo xeracional no campo e o asentamento de poboación, asegurando asemade a conservación e o coidado do ecosistema e o control da expansión de determinadas especies cinexéticas”.
“Nestes catro anos – lembrou – Lugonovo apostou polas solucións naturais e propuxo a implantación de filtros verdes, pequenas lagoas artificiais, para depurar as augas residuais no rural; que a administración ofrecese un servizo de limpeza e baleirado de fosas sépticas e mesmo suxeriu que a roza de determinados espazos verdes se levara a cabo mediante o pastoreo con ovellas, cabras ou cabalos. Agora, poñemos o foco na necesidade de promover o reaproveitamento do monte en man común que non estea sendo utilizado co fin de recuperar superficie para a agricultura e a gandería”, indicou o alcaldable.
Segundo Chorén Vázquez “xa é hora de reducir a fenda de servizos e oportunidades que inxustamente separa aos habitantes da área urbana e da rural. “Todas as persoas, con independencia de onde viven, posuímos os mesmos dereitos”.