En maio de 2018, todos os grupos políticos do Parlamento de Galicia, a proposta de En Marea, aprobaron por unanimidade acometer de xeito urxente as obras de dragado do Porto Chico en Foz. Un ano despois, a Asociación A Ribeira de Foz denuncia que continúa sen novidades a respecto das melloras necesarias para o peirao de Tupide, en Foz.
Por iso a deputada de En Marea, Paula V. Verao, vén de presentar unha iniciativa para a Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo, na que insta á Xunta a entrevistarse coa Asociación A Ribeira de Foz e, de acordo coa mesma, presentar ante o Parlamento un proxecto, acompañado de cronogroma e partidas orzamentarias, para acometer unha mellora integral do peirao de Tupide, en Foz, que contemple a mellora das condicións de abrigo do mesmo e unha mellora na seguridade.
A asociación citada presentara en maio de 2017 un plan de mellora para o Porto Chico diante da Consellería do Mar. Rosa Quintana, naquela altura, sinalara que se comprometeu a “estudar a posibilidade de mellorar a funcionalidade do porto deportivo de Portochico”. Destas melloras, unicamente se impulsou dende Portos de Galicia o dragado e o acceso ao novo pantalán, agardando que se renove con urxencia o firme do pantalán vello.
Verao tamén ten rexistrada unha pregunta para a súa resposta por escrito sobre as verteduras fecais da ría do Masma. “Dende hai anos, sen que as Administracións fixeran nada, o porto e a ría de Foz sufriron problemas de falta de saneamento, pois Foz sigue sen acometer o traslado da EDAR“, salienta.
Asemade, denuncia puntos de verteduras directamente á ría. “De feito, a ría leva un ano pechada ao marisqueo pola presenza de augas fecais, o que impide traballar a mariscadoras de Foz e Barreiros”.