Aprobado o proxecto do CIS da Residencia e redactada a demolición da antiga lavandería

A Xunta vén de aprobar definitivamente o proxecto de construción do Centro Integral de Saúde na antiga Residencia, e ten redactado o de demolición de dous inmobles no mesmo recinto, a antiga lavandería e a central térmica, para o que está recabando os informes sectoriais precisos de cara á aprobación final.

Polo que respecta ao primeiro, a Consellería de Sanidade tramitou o proxecto para reformar o edificio do antigo Materno e, unha vez obtidas todas as autorizacións precisas, remitiuno á Axencia Galega de Infaestruturas, que comezou a tramitar o expediente para licitar as obras nas vindeiras semanas.

A construción do novo Centro Integral de Saúde está presupostada en 11 millóns de euros, e cabe lembrar que a Xunta xa publicou un anuncio previo á licitación o pasado mes de outubro no Diario Oficial da Unión Europea para que todas as empresas interesadas puideran ter acceso á documentación, co fin de axilizar o proceso.

Paralelamente, a Consellería de Sanidade avanza na obtención da licenza e conta con facer efectiva a taxa previa preceptiva -por prestación de servizos urbanísticos- de xeito inminente, tan pronto como reciba a carta de pago por parte do Concello de Lugo informando do importe.

Por outra banda, a Consellería de Infraestruturas redactou o proxecto de demolición da lavandería e a central térmica para liberar os espazos que ocupará a central de biomasa, Suporá un investimento estimado de 263.000 euros e consistirá no baleirado, derrubo  completo das estruturas, retirada de depósitos de fuel, e escavación e demolición da cimentación.

As dúas edificacións a demoler datan dos anos 70 e sitúanse na esquina suroeste da parcela da antiga Residencia, na confluencia entre as rúas Serra de Outes e Orquídea. A súa eliminación favorecerá o enlace urbanístico da parcela co barrio, dado que a futura central irá soterrada e terá o menor impacto posible na contorna.

A central térmica ocupaba un edificio  de volume cúbico de dimensións en planta de 13×17 metros e unha altura libre interior de máis de sete metros. A fachada principal ábrese a un amplo espazo exterior onde hai soterrados dous grandes depósitos de fuel de 75.000 metros cúbicos.

O edificio da lavandería do antigo hospital ten dúas plantas sobre rasante, cada una de 14×32 metros. Outro pequeno volume dunha soa planta -de 5×10 metros- alberga un centro de transformación adosado ao principal polo lado norte.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com