“O que está claro é que a mobilidade en Lugo, tal como está planificada, non se corresponde coas necesidades da cidade hoxe en día”. Esa é a consideración que realizou o candidato de Lugonovo á alcaldía, Xosé Chorén, logo da xuntanza mantida con representantes do sector do taxi durante a campaña, cuxas reclamacións veñen sumarse ao diagnóstico e o programa que Lugonovo elaborou en relación a este asunto. Na reunión, á que asistiron Cristina Pérez, nº2 da candidatura, Teresa Burgo, nº5, e Xosé Anxo Laxe, nº25, o colectivo e a plataforma compartiron análises e solucións para a mobilidade local nun clima de “entendemento e coincidencias substanciais”.
Para Cristina Pérez, “é obvio que debe revisarse e adaptarse aos tempos a ordenanza que regula o sector a nivel municipal”. A nº2 da candidatura recolleu a reclamación de regular a competencia e a oferta de transporte intraurbano que reclamaron os representantes do taxi. Tamén se mostrou favorable a “reactivar a Policía Local, hoxe inexistente, baixo a premisa dun labor de proximidade e axuda á cidadanía, tamén de axuda ás cidadás e cidadáns que se dedican a servizos de transporte, e ás persoas que utilizan eses servizos”.Por último, Pérez reafirmou o compromiso de Lugonovo coa reclamación dunha nova ubicación do servizo de radio-taxi en liña coa demanda do sector.
Xosé Chorén lembrou que, en materia de mobilidade, “a aposta de Lugonovo é por unha regulación ambiciosa e integral” que adapte á cidade “ao século XXI e á escala humana”. Isto significa “reestruturar o transporte público para que as liñas e frecuencias do servizo de autobuses liguen calquera punto da cidade con outro nunha frecuencia igual ou inferior aos 20 minutos”, un obxectivo que nunha urbe “das dimensións de Lugo non debera resultar ningún imposible, se se pon vontade”.
Supón tamén “recuperar o sistema ORA con sentidiño, de forma pactada, sen afán recadatorio pero si regulador, de forma que se permita unha primeira hora gratuíta ao usuario que facilite as xestións e á vez garanta a rotación dos vehículos” e “apostar por un modelo menos contaminante e máis seguro para cos peóns, reducindo a velocidade a 30 km/h en zona urbana e repintando os trazados das rúas”.
Precisamente, en coherencia cos obxectivos de impulsar un modelo “sostible e sosegado, pero eficaz” de transporte público, Chorén comprometeuse a “estender a distancia hoxe dispoñible de carrís-bici e conectalos de forma coherente, para que a bicicleta sexa unha alternativa real de transporte cotián en Lugo”.
O alcaldable de Lugonovo non esqueceu “as necesidades específicas de transporte no medio rural”, para o que avogou polo sistema de autobuses sumado a un servizo de taxis a demanda, que “evite o desprazamento do autobús pero garanta un sistema de transporte eficaz a baixo custo”. Trátase de que “todas as persoas que viven en Lugo teñan as mesmas oportunidades de desprazarse dentro do noso concello” salientou.
“Para cambiar a forma de desprazarnos en Lugo cara a un modelo eficiente, verde e harmonizado fai falta sentidiño, vontade e valentía “ finalizou Xosé Chorén, para quen “desas tres cousas temos moito na nosa lista de veciñanza preparada para gobernar a cidade”.