Se por algo destacan os Codex Cinema, ademáis de por ser unha clara alternativa ao cinema comercial na cidade de Lugo, é polos seus pases especiais con filmes diferentes e presentadores de luxo. Así, este xoves, 23 de maio, as salas acollerán a proxección de Zaniki unha cinta de Gabriel Velázquez en forma de documental que relata a permanencia das tradicións e os rituais de pasaxe a través da música. O filme conta coa particularidade de ter como protagonista a Eusebio Mayalde, recoñecido músico de folk case transformado en chamán e que crea a súa música a partires dunha relación case mística coa natureza.
A película é especialmente recomendada para estudantes de música tradicional e afeccionados ao folk, mais tamén para calquera cinéfilo, sexa cal sexa a súa idade, xa que ten unha achega moi natural a temas aparentemente complexos da etnografía e a musicoloxía.
Para presentar o filme, desta volta, Codex contará coa presenza do profesor universitario, musicólogo, divulgador e músico Manuel Luna Samperio, se cadra tamén coñecido polo público máis casual por ter presentado hai tempo o mítico programa Tarataña en Radio 3.
Post Views: 0