“O Partido Popular queda de novo en evidencia ante os lucenses”, así o asegurou o Concello de Lugo en nota de prensa tras as declaracións do delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, nas que aseguraba que a institución autonómica non pode comezar as obras do Centro Integral de Saúde da Residencia pola tardanza do goberno municipal á hora de aprobar as licenzas de obra.
Para “desmentir” ao goberno autonómico, o Concello asegura que mañá mesmo aprobará a concesión ao Sergas da licenza que require pero “a Xunta non poderá iniciar as obras porque non as sacou sequera a contratación, despois de anunciar esta dotación sanitaria hai case dous anos”.
De feito, hai tan só 7 días, a Xunta admitía que ía licitar a obra nas próximas semanas, co cal faltan meses para que poida iniciar os traballos, momento no que si necesitaría a licencia municipal de obra.
“Queda demostrado, deste xeito, que as présas e as críticas ao Concello por parte dos representantes da Xunta, entre eles, do presidente onte mesmo nun mitin do PP, pola licenza do centro de saúde non foron máis que, de novo, unha estratexia partidista e unha falta de lealdade institucional, comportamentos que o Goberno do PP na Xunta mantivo durante todo o mandato”, sentenza o comunicado municipal.