O documental gañador do Mestre Mateo, ‘Idénticas’, nos Codex

Este próximo sábado chega o documental gañador da última edición dos Premios Mestre Mateo a Codex Cinema.  Trátase de Idénticas, o filme de Luís Avilés que conta a historia de dúas irmás de Lousame, Cayetana e Celia, que teñen que convivir cunha doenza ultra rara, a Heteroplaxia ósea compartida (POH). Ademais do valor intrínseco do documental é innegable o seu valor informativo, a necesidade de coñecer estas historias para facer visible e normalizar a todos estes doentes e todas as familias que viven a diario con estas enfermidades. A coraxe e o carisma de Cayetana e Celia, a súa aposta por ter unha infancia normal e feliz pese ás dificultades é un exemplo para toda a sociedade, do que queremos ser partícipes en Codex Cinema cun pase especial este sábado ás 18:00.
Ademais deste gran acontecemento, chegan outras tres propostas a grella regular de estreas. Comezando por
Blaze, o biopic do gran mestre do outlaw country que ven a pechar este mes musical que comezou con Leto. Este filme dirixido polo actor Ethan Hawke é un retrato orixinal e diferente sobre Blaze Foley, figura maldita do country, que viviu unha vida chea de sombras e de problemas coas drogas. A proposta de Hawke consiste en mostrar anacos da vida caótica de Foley, moitas veces sen orde nin continuidade, mais que acaban por crear un retrato xusto e adecuado para unha figura tan inmensa e tan cuestionable ao mesmo tempo. Pouco recoñecido no seu momento, debido ao seu carácter rebelde e independente, e aos seus problemas coas autoridades, grandes figuras do country como Townes Van Zandt ou Willie Nelson recoñeceron sempre o seu dominio maxistral deste estilo. Unha figura extraordinaria para un filme prodixioso.
De Francia chega outro filme dirixido por un actor. Louis Garrel firma Un home fiel. O actor de Soñadores ou Saint Laurent filma un triángulo amoroso no que participan como actrices Laetitia Casta (parella de Garrel) e Lily-Rose Depp, filla de Johnny Depp e Vanessa Paradis, ademais do propio Garrel. Neste filme centrado nos sentimentos íntimos e nas palabras de amor que tanto custa dicir, Louis Garrel trata de achegarse ao estilo do seu pai, o gran cineasta francés Philippe Garrel, que leva medio século contando as circunstancias amorosas dos homes e mulleres contemporáneas.  Un home fiel é un filme pequeno e elíptico, delicioso e divertido, no que calquera pode recoñecerse.
Para rematar, un filme que chega desde Euskadi para falarnos de historia e de compromiso político. Un filme que reivindica e homenaxea ás vítimas que deixou a transición á democracia en EspañaVitoria, 3 de marzo narra os feitos que se produciron durante a convocatoria de folga xeral dos traballadores en Vitoria en 1976. Este paro que reclamaba unha mellora das condicións de traballo desenvolveu unhas formas de organización asemblearia que facían tremer o statu quo do réxime trala recente morte de Franco. Un movemento revolucionario que foi reprimido pola forza, por unha ditadura que chegaba á súa fin e que trataba de manterse no poder mediante a violencia. Vitoria, 3 de marzo é unha ficción exemplar, un traballo didáctico e cheo de matices para entender uns feitos e un contexto histórico determinante da historia de España.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com