A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, informou hoxe de que case 280.000 cidadáns están convocados este
domingo ás Eleccións Locais e Europeas na provincia de Lugo. Nas Eleccións Municipais, 279.542 persoas teñen dereito ao voto e serán quen decida a composición das corporacións locais durante os próximos catro anos. O domingo tamén se elixirán os 54 deputados que lle corresponden a España, que funciona como circunscrición única, no Parlamento Europeo.
O censo de residentes ascende a 278.337 persoas. A elas hai que engadir 1.205 electores estranxeiros residentes que teñen dereito a votar nas eleccións locais. Nas europeas son 958 as persoas de nacionalidade estranxeira con dereito ao voto na nosa provincia.
Nesta xornada electoral, os cidadáns escollerán na nosa provincia 727 concelleiros, 4 menos que nos comicios celebrados en 2015, para o que disporán dun total de 541 mesas electorais distribuídas en 411 locais. Destas eleccións dependerá tamén a futura composición da Deputación, que se decide en función dos resultados obtidos polas distintas candidaturas nos seis partidos xudiciais nos que se divide a provincia.
Nos 67 concellos que forman a provincia de Lugo foron proclamadas un total de 239 candidaturas.