Catro días despois da axustada vitoria do PSOE no Concello de Lugo, e a 15 de coñecer o goberno definitivo da cidade, colectivos en defensa dos animais como a Asociación Animalista Libera e a Fundación Franz Weber puxeron “deberes” á candidata socialista e actual rexedora Lara Méndez, para construír un Lugo máis amable cos animais.
Os animalistas sinalan a necesidade de que o Concello se implique na xestión integral das colonias felinas, incrementando o orzamento destinado a esterilizacións, facilitando sinalización e casetas, ademais de fomentar a participación veciñal, e poñen como exemplo modelos próximos a imitar como A Coruña e Santiago de Compostela.
De forma paralela lembran que o pleno municipal aprobou durante esta Lexislatura a necesaria elaboración dunha Ordenanza que regule o uso de animais en actividades públicas da que, “case dous anos despois, non existe noticia algunha a pesar de que a Lei de Benestar Animal de Galicia suma case 18 meses en vigor”, e en Lugo existe unha norma local específica para esta materia, pero que “non recolle as importantes novidades lexislativas”.
Neste sentido a nova ordenanza podería incluír o desenvolvemento ordenado de zonas de esparexemento a través de horario, isto é, escollendo espazos públicos que durante varias horas permitan convivir e xogar cos animais sen necesidade de estar atados. Tamén reclaman os animalistas o fin do uso de animais en espectáculos públicos, como no Arde Lvcvs.
O municipio lucense non foi prolífico no desenvolvemento de actuacións de sensibilización e os colectivos en defensa dos animais queren que a renovada maioría de Méndez tamén se aplique na materia, impulsando campañas para previr casos de abandono e malos tratos, así como o fomento da adopción en lugar do comercio de animais.
Por último subliñan que o novo goberno municipal debe dar carpetazo ás ‘ocorrencias’ @de la Xunta para evitar a presenza de jabalíes e outros animais silvestres en zonas periurbanas, deixando de colaborar coa autorización nas parcelas municipais, petición que se estende tamén ao futuro goberno da Deputación Provincial.