Hai uns días atopei a invitación que orixinou a miña amizade con Manuel Regueiro Tenreiro: O I Foro da Cultura Galega que se celebrou en Vilalba en maio de 1982, polas Letras Galegas, no Instituto Basanta Silva onde foi Director, e no que falaba sobre os “Valores operativos do Galeguismo”.
Pouco despois –comezo de 1983- colaborei con el nos actos do Centenario de Ortega. Xa estaba en Lugo, e coordinaba aos profesores de filosofía dos Institutos da capital. Foi o comezo dunha longa amizade, chea de iniciativas, de proxectos, de realizacións, nas que sempre Regueiro poñía ilusión, esforzo e un coñecemento amplo e firme, profesoral, que garantía os mellores resultados.
A súa teima era o Idioma, con maiúsculas, e durante anos levou a responsabilidade da súa impulsión desde a Xunta de Galicia. E acorde co seu carácter, co “sentidiño” galego, e coa realidade, avogaba e loitaba por un “bilingüismo harmónico”, de convivencia entre as dúas linguas que manexa a nosa xente.
A “última cruzada” de Regueiro, a prol da memoria do seu amigo Fraguas, na que colaborei, que está en marcha a toda máquina, contou coa axuda inestimable de Antonio Prado, Xulián Parga e Paco Martín.
O “meu Regueiro” enmárcase temporalmente entre estes dous grandes –Ortega e Fraguas-, e se ilusión puxo hai trinta e seis anos no de Ortega, moito máis puxo no de Fraguas sabendo que o seu pé estaba xa no estribo, e que cando chegara xunto ao amigo no alén, no ceo dos galegos, podería rendirlle contas ao vello profesor e darlle novas dos seus xa vellos alumnos do Instituto de Lugo que que tanto lle queren.
Saúda, Manolo, a todos os “grandes” dos que sempre formaches parte. E unha aperta forte, amigo.