A Plataforma de Contratación do Sector Público anuncia hoxe a licitación, por un importe próximo a 1M€, das obras para rematar a biblioteca do barrio da Piringalla e convertela nun centro sociocultural, que levará o nome de Paco Martín.
Segundo publica o propio Concello de Lugo no Perfil do Contratante, os interesados teñen de prazo para presentar as ofertas ata o 20 de xuño, estando prevista a súa apertura para o 21 de xuño. O Concello prevé que despois do verán poidan iniciarse as obras, que teñen un prazo de execución de 18 meses.
O novo centro contará no soto con diversos almacéns, instalacións, cuarto de lixo, limpeza e control de arquivo; na planta baixa, con vestíbulo, zona de control, sala de usos múltiples, zona infantil, bebeteca e aseos; na primeira e segunda, con salas de lectura e aseos; a terceira, con climatización, e as dúas altas con sala de reunións, despacho e oficina.