A voceira municipal de Cidadáns en Lugo, Olga Louzao, esixiu esta mañán ao PSOE provincial “seriedade e responsabilidade” ante o que definiu como “novo espectáculo circense da Deputación”. Facía así referencia á loita polo sillón presidencial do executivo provincial entre o actual presidente, Darío Campos, e o alcalde de Monforte, José Tomé.
“Ás portas do Arde Lucus asistimos a unha pelexa de gladiadores no seo do PSOE por ver quen preside a Deputación, demostrando unha vez máis que lles importa moi pouco os intereses dos veciños e veciñas da provincia de Lugo e que o único que os move son as súas ansias de poder”, afirmou a responsable de Ciudadanos.
Para Olga Louzao, as eleccións non serviron para “poñer orde” na institución provincial, que, dixo, “mantén o culebrón do pasado mandato”. “Despois da baixa de Manolo Martínez, indiscutible animador do esperpento vivido nos últimos catro anos, entra en escea un novo personaxe para darlle vida ás liortas dentro do PSOE“, afirmou.
“A Deputación de Lugo é o claro exemplo dunha institución que non cumpre coa súa función de servir aos intereses da cidadanía da provincia de Lugo”, opinou Olga Louzao, que lle esixiu ao PSOE “cando menos un mínimo de seriedade e responsabilidade”.
“A estas alturas, unha vez pasadas as eleccións, deberiamos estar falando dos proxectos que a Deputación vai poñer en marcha nos vindeiros catro anos para mellorar a situación da provincia de Lugo e non das navalladas internas do PSOE”, concluiu.