Carta aberta a María Balteira

Estimada María Peres A Balteira:

Permíteme o atrevemento de dirixirme a ti, mais como en breve comprenderás moitos son os motivos que me empuxan a isto.

Ti viviches oito séculos atrás, e transitaches o bulicio do peirao e as rúas da cidade de Betanzos que conformaches, que este ano 2019 se conmemora a si mesma pola súa fundación, poñendo no centro de interese o teu tempo.

Teño que dicirche, que desde o século XIII até entrado o século XX pouco ou nada soubemos de ti. Mais nese século as sociedades europeas todas, a través das súas universidades, foron descubrindo no campo de estudo das literaturas e idiomas unha personaxe literaria sobranceira, no que actualmente é considerada internacionalmente a idade de ouro da literatura galego-portuguesa.

Maxistralmente representabas as cantigas, como expresión artística da máis destacada das soldadeiras, capaces de conxugar poesía, música, canto e danza, que chegaron aos nosos días no territorio do Reino de Galiza.

Tamén ten relevancia ao longo destes oito séculos, que o Reino de Portugal difundiu o teu idioma aos cinco continentes. En todos eses lugares as cantigas de amor, amigo, escarnio e maldizer, tamén as tensóns e pastorelas son o berce das súas literaturas, e como tales consideradas monumentos literarios de incalculable valor.

Como comprenderás, o interese en ti e nos xograres e trobadores que contigo crearon a arte que nos foi legada, é inmenso e as mentes máis lúcidas adicaron moito tempo e esforzo ao estudo da túa figura.

Agora no século XXI sabemos que non só eres unha personaxe literaria, sabemos que eres unha muller real de carne e óso.

Naciches en Armea (actual concello de Coirós), de orixe fidalga renunciaches ao estreito papel que ás mulleres do teu tempo lle era asignado. Elixiches a libertade que o ámbito artístico che proporcionou, fuches a soldadeira máis cobizada e de maior prestixio das cortes dos reis Fernando III e Alfonso X “O Sabio”.  Tamén sabemos que como integrante dos círculos de poder máis elevados do reino, exerciches de embaixadora e diplomática, chegando mesmo a evitar coa túa mediación guerras e desencontros.

Foi de tal magnitude a túa relevancia, que os xograres e trobadores coetáneos teus, organizaron ciclos para crear contra ti as cantigas de escarnio máis incisivas e as cantigas de maldizer máis obscenas.

María, eu fáloche desde o século XXI e honestamente che digo que sabemos discernir, polo que tes que saber que eres recoñecida mundialmente como unha personaxe histórica de primeira magnitude, e por iso sentimos orgullo e fachenda.

Así, nas terras de Betanzos as súas xentes xuntámonos para que en todos os lugares dos reinos todas as persoas saiban de ti, e se beneficien da referencia dunha muller brava. Tamén da obra literaria dos xograres Pero d´Armea, Pero d´Ambroa e do trobador Pedr´Amigo de Sevilha. Todos eles betanceiros como ti, que se ben como francamente demostran algunhas das súas cantigas, houbo momentos nos que se erixiron en inimigos teus, comprenderás que a súa poesía ao igual que ti mesma, sodes para nós un tesouro que recibimos na súa totalidade coa responsabilidade da súa custodia por vós, polo hoxe  e polo mañá.

Non podemos negar que chegas aos nosos días envolta no manto do escarnio e o maldizer, mais é posible concertar as nosas forzas ao ritmo das cantigas de amor e amigo para ti. Estamos a organizar un ciclo dedicado a ti, de signo ben diferente aos do século XIII, coa participación como daquela de poetas, mais tamén de toda persoa que comparta con nós a oportunidade de honrarche.

Ao noso ciclo, chamámoslle PROXECTO MARÍA BALTEIRA e tes que saber que con santo e sinal da Balteira non houbo porta que non se abrise.

Cóntoche:

-As túas paisanas e paisanos de Armea, a través da Asociación Cultural Colantres (Coirós),  acollerán unha andaina popular até o lugar da casa natal e na que tamén estivo o teu amigo Pero d´Armea.

-As boas xentes de Guitiriz organizarán a través do grupo NPG, Nova Poesía Guitirica recitais de poesía en honor a vós.

-As paisanas e paisanos de Pero d´Ambroa e Pedr´Amigo de Sevilha, a través da Asociación de veciñas e veciños de Ambroa (concello de Irixoa), crearán unha festa da poesía na igrexa de San Tirso de Ambroa, na que foi bautizado o xograr Pero e na que resoou a voz do trobador Pedro exercendo de cura.

-As túas paisanas e paisanos da vila de Betanzos, na cidade Vella difundirán o coñecemento sobre vós e a vosa poesía, a través da Asociación Cultural Lar de Unta con centos de dípticos informativos desde o seu local social.

-Realizaranse representacións teatrais nas prazas, rúas e lugares para darvos a coñecer.

-A carón do pórtico da gloria da igrexa de Santiago, ofreceremos desde a taberna musical máis animada da vila, O Lanzós, un concerto de música medieval.

-Reunirémonos arredor de charlas e conferencias nas que participará a escritora Marica Campo (autora da novela Confusión e Morte de María Balteira), o escritor Manuel Portas (autor da novela Lourenço, xograr), acompañados do estudoso Alfredo Erias (director do Museo das Mariñas).  

O filólogo Eduardo Maragoto (do Portal Galego da Língua e presidente da AGAL) e Xulio Loureiro (profesor de galego en Betanzos).

Tamén a profesora e estudosa da lírica medieval, a betanceira Concha Delgado e o profesor e estudoso da literatura galega Xosé Ramón Pena, betanceiro afincado nas terras da universidade do mar de Vigo.

-O Centro Ramón Piñeiro para o estudo das humanidades, cede para a súa difusión a totalidade da obra dos autores betanceiros, así como as cantigas que outros trobadores como Alfonso X “O Sabio” escribiron téndoche como protagonista.

-A Fundación Luís Seoane, cede o grabado do gran pintor galego feito para ti, para que sirva de imaxe do Proxecto María Balteira.

-A Editorial Biblos editará coa colaboración dos Concellos de Coirós, Irixoa e Betanzos un poemario prologado por Concha Delgado, para que as vosas cantigas estean sempre á nosa disposición nos nosos fogares, escolas e bibliotecas. Nunha edición a cargo de Manuel Ferreiro, estudoso da lírica medieval ao son das ondas da universidade da Coruña.

A XXII FEIRA FRANCA MEDIEVAL DE BETANZOS será adicada a ti e aos tres Pedros, e no marco do 800º ANIVERSARIO DE BETANZOS tamén ocuparás un lugar especial no corazón das túas veciñas e veciños.

Desexamos, estimada María, a túa visita así como a de todas as persoas que habitan reinos ou repúblicas do mundo enteiro, sexan de perto ou de alén mar. Porque é ben merecida a ofrenda, e cantas máis almas se xunten, con maior forza resoarán, nos ceos e centenaria pedra, na túa voz as cantigas do noso ser.

Minha Senhor, María Peres A Balteira, agardando sexa do teu agrado o que as túas veciñas e veciños argallamos, recibe un afectuoso saúdo.


Asdo: Moncho Bouzas, integrante da NPG Nova Poesía Guitirica e do Grupo de Apoio á Vocalía de Cultura da Asociación Cultural Lar de Unta.

Novas relacionadas

Unha resposta

Deixa unha resposta
  1. Lucia Barcelos
    Xuñ 08, 2019 - 10:40 PM

    Precioso

    Reply

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com