A alcaldesa electa de Mondoñedo, a popular Elena Candia, mantivo esta mañá unha xuntanza de traballo co secretario xeral técnico da Consellería de Educación, Universidade e Formación, Jesús Oitavén Barcala, na que lle confirmou que este mesmo verán se van licitar as obras de rehabilitación da antiga Casa do Conserxe no IES San Rosendo.
A actuación permitirá a posta en marcha de tres novas aulas e unha polivalente. Suporá un investimento de preto de 100.000 euros. A rexedora en funcións reafirma o compromiso do seu goberno e a aposta clara polo IES e pola formación dual.
O IES Plurilingüe San Rosendo é un centro de referencia nas ensinanzas de FP da zona, en especial no que atinxe á implantación da FP Dual no rural con ensinanzas de FP da familia profesional de Agraria. Así, este mesmo ano desenvolveuse no centro a segunda edición do ciclo de Aproveitamento e conservación do medio natural. O centro imparte, ademais, a FP Básica en Agroxardinaría e composicións florais e o de grao medio en Xardinaría e floraría.