Castiñeira propón un plan de modernización e revitalización dos polígonos industriais

O candidato do Partido Popular, Jaime Castiñeira, propuxo hoxe a posta en marcha dun plan de modernización e rexeneración integral dos polígonos industriais de Lugo. O popular salientou que a prioridade é a creación de emprego e nese senso, comprométese a crear unha liña de axudas de 3.000 € para aquelas empresas que xeneren novos contratos cun mínimo de duración dun ano.

“O obxectivo destas axudas é contribuir á creación duns 700 postos de traballo anuais e precisamente os polígonos son lugares estratéxicos para atopar traballo grazas a esta liña económica”.

Outro piar importante dentro deste plan de mellora das zonas industriais ten que ver co impulso do transporte público. Jaime Castiñeira avanzou que creará, en convenio coas empresas interesadas, unha tarxeta de transporte que supoña descontos importantes para os beneficiarios. “Se abaratamos e facilitamos os traslados en autobús aos centros de traballo nas áreas industriais contribuiremos a mellorar a mobilidade e gañar en comodidade” puntualizou Castiñeira.

O alcaldable afirmou que os autobuses ao CEAO terán unha frecuencia de paso cada 15 minutos e garantiu a súa puntualidade. Indicou que a estas dúas accións hai que sumar outras máis ligadas ao seu mantemento diario xa que “se queremos presumir de zonas industriais é preciso programar un mantemento periódico para que o polígono esté sempre en oportunas condicións”.

Castiñeira afirmou que tamén se esforzará por mellorar a seguridade dos polígonos industriais, e tamén considera necesario o deseño dun plan de mobilidade que contemple un plan de transporte especifico, para facilitar a accesibilidade aos traballadores das empresas implantadas nesta zona industrial, así como a mellora da seguridade vial. “É necesario facer un chequeo das glorietas, accesos e zonas de cruce seguras. Estas actuacións van máis alá do arranxo en vísperas electoral dun grupo de rúas”.

“Con respecto ás zonas verdes tamén é preciso mellorar o mantemento das zonas axardinadas tanto medianas como glorietas. No caso do polígono das Gándaras hai que poñer especial atención á zona de esparcemento e parque infantil”. O candidato popular tamén se comprometeu a axilizar a tramitación das licenzas para a construción de obra nova ou reformas “debemos dar facilidades e reducir burocracia aos emprendedores”.

Outra vella demanda das empresas implantadas nestas zonas ten que ver coa nula sinalización informativa que complica a súa localización no entramado de rúas. “Simplemente colocando uns paneis informativos nas entradas dos polígonos e rotondas, para que as empresas poidan ubicar os seus carteis e indicadores de forma ordenada, se gañaría moito á hora de orientar aos usuarios mellorando á localización das distintas empresas”.

O obxectivo final deste plan de revitalización é presentar unhas zonas industriais de primeira “se están coidadas e son seguras son zonas máis atractivas e cómodas para investir e para traballar e por suposto tamén para mercar”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com